Chandebrito plantará este mércores o “Bosque da Memoria”

Este mércores continúa a acción “Árbores de Cinza”, impulsada pola asociación Galicia Ambiental, cunha das principais accións previstas nesta nova fase, a plantación do Bosque da Memoria en Chandebrito, unha “área de descanso e interpretación ao aire libre” que estará integrada por árbores autóctonas -acivros, abeleiras, castiñeiros, cerdeiras, sobreiras e carballos-. Os veciños e veciñas que queiran participar, deberán presentarse no punto de encontro, o cruceiro que se atopa tras o Monte do Castro, ás 9:00 da mañá.

Esta acción, desenvolvida xunto coa Comunidade de Montes en Man Común de Chandebrito e a Asociación de Veciños “O Castro”, complementarase coa instalación de sinalética específica dirixida a escolares e visitantes. Esta sinalización incluirá unha breve descrición do proxecto co que se contribuíu á plantación de árbores para rexenerar os bosques arrasados. No seu afán divulgador, estes paneis explicativos conterán información sobre as especies autóctonas utilizadas na repoboación, coa intención de dar a coñecer entre a poboación estas árbores típicas destas latitudes.

Outra das accións previstas para os próximos meses baixo o paraugas de “Árbores de Cinza”, que conta nesta nova etapa coa colaboración da Fundación C&A, centrarase en proxectos de sensibilización ambiental en centros escolares de toda España. Unha destas propostas arranca coa convocatoria dun programa de formación dirixido a mulleres censadas en Chandebrito que serán as encargadas de dar a coñecer durante o curso escolar 2018/19 nos colexios a problemática dos incendios explicada “de primeira man”. Unha proposta para a que contarán, previamente, co asesoramento e formación de expertos forestais e de comunicación da asociación Galicia Ambiental.

Unha iniciativa coa que os escolares galegos poderán coñecer de primeira man as consecuencias dos lumes forestais a través dos testemuños de veciñas que os viviron en primeira persoa. Ademais, estas experiencias permitirán aos mozos coñecer alternativas sustentables mediante a recuperación de árbores autóctonas cos que reducir a incidencia dos lumes forestais.

Esta acción culminará en outubro, coa publicación dun “libro – aniversario” do incendio que arrasou os seus vales e montes o pasado ano e a entrega de diñeiro para a compra de centenares de árbores que serán plantados en marzo/abril de 2019 como colofón á serie de accións e colaboracións con esta parroquia pontevedresa que simbolizará para sempre a capacidade de repoñerse aprendendo leccións prácticas dunha gran catástrofe.

BOSQUE DA MEMORIA DE CHANDEBRITO