Alejandro Franco reina na dureza da Vigo Copa de España

Vigo puxo este domingo o broche de ouro á Copa de España coa carreira máis esixente de todo o calendario. Os 180 quilómetros, con seis portos de montaña e máis de 4.000 metros de desnivel positivo acumulado, decidíronse nun emocionante e agónico final na subida da Madroa. Alejandro Franco (Gomur) levou a vitoria por diante de Sergio Chumil (Cortizo) e do representante do conxunto anfitrión Cole Davis.

A décima e última xornada do certame Elite-Sub23 máis prestixioso do panorama estatal tamén coroou ao sub23 Francisco Muñoz (Eolo Kometa) como gañador da xeral. Non houbo cambios nos dous primeiros postos e Andoni López de Abetxuko (Caja Rural-Alea) adxudicouse a camisola de mellor ciclista Elite.

Fronte ao concello de Vigo, na Praza do Rei, puxéronse en marcha 191 corredores para afrontar un trazado que tiña como primeira gran dificultade a ascensión de 1ª categoría da Groba, coa súa cima no quilómetro 26. Nas ramplas deste porto destacouse Samuel Fernández (Caja Rural-Alea) e tras coroar en solitario tamén pasou en primeira posición polos Premios Especiais de Gondomar e de Nigrán, e polo de Montaña do Monte Alba (km 75).

Outro Samuel Fernández, neste caso do Gomur, apuntouse o Premio Especial A Pasaxe despois de alcanzar ao seu homónimo en compañía de Antonio Barbero (Globalia) e co trío de cabeza contactou David Delgado (Bicicletas Rodríguez) na parte final da subida polos Montes de Vincios a O Galiñeiro (km 82). Precisamente, o último integrante en unirse ao cuarteto foi o que máis se resistiu a ser atrapado polo pelotón e antes de ser neutralizado encabezou a carreira no cume do Monte Aloia (km 109), o emblemático porto tudense de 1ª categoría.

Por se os ciclistas non tivesen suficiente coa dureza do itinerario, o tempo cambiante, que deixou choiva, sol e vento, aumentou a dificultade da xornada. A falta de 50 quilómetros para a conclusión callou a segunda escapada que conseguiu facer camiño. O británico Lucas Towers (Previley), primeiro no Premio Especial de Mondariz-Balneario, e Sinuhé Fernández (Lizarte) abriron oco e no porto da Fonte dos 100 anos (km 160) chegou á súa altura o italiano Andrea Pietrobon (Eolo Kometa).

Final no alto

O traballo de persecución do Caja Rural-Alea e do Vigo-Rías Baixas anulou a fuga en Chapela (Redondela), na antesala da explosiva subida final de 2 quilómetros ata a liña de meta. O “muro” da Madroa, cunha pendente media por encima do 9% de desnivel, esnaquizou por completo ao pelotón. Os dous ciclistas que se xogaban a xeral da Copa, Muñoz e López de Abetxuko, descolgáronse e a por o triunfo parcial lanzáronse cinco ciclistas.

Os compoñentes do quinteto de cabeza vixiáronse antes de lanzar o sprint, o que permitiu chegar desde atrás a Chumil e Davis. O guatemalteco e o estadounidense superaron a todos, excepto a Franco, que mediu perfectamente a distancia para sumar o seu segundo éxito na Copa de España 2022. O valisoletano do Gomur-Cantabria Infinita venceu cun tempo de 5:08:49.

Coa presenza de José Luis López Cerrón, presidente da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), para entregar os galardóns finais da Copa a Muñoz, López de Abetxuko e ao Eolo Kometa como gañador por equipos, celebrouse unha cerimonia de podio na que o conxunto da Fundación Contador tamén recibiu o trofeo á mellor escuadra da carreira, co Vigo-Rías Baixas en segunda posición, e Delgado recolleu o premio da clasificación da montaña na proba olívica.