Arrancan as Xeiras do IEM cun percorrido circular pola parroquia de Baredo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Procesión da Virxe da Cela en Baredo.

Este martes 3 de xullo ás 18:30 horas terá lugar a primeira xeira de verán do IEM polo concello de Baiona, en Baredo, titulada «Nosa Señora da Cela, do aviso da súa aparición na Arquiña á actual igrexa parroquial». O punto de encontro será no Cruceiro de Baixo (Alimentación Vicente), e será guiada polo especialista Anxo Rodríguez Lemos.

«Nosa Señora da Cela, do aviso da súa aparición na Arquiña á actual igrexa parroquia”

Aquel día repicaron as campás na igrexa parroquial de Baíña. No lugar anexo de Baredo, o común da xente, atopara unha imaxe da Virxe intacta sobre unha pedra do mar, nos Outeiros da Arquiña. Correu a noticia daquel portentoso achádego que, rapidamente, o abade manda trasladar á igrexa de Baíña co fin de expoñela á publica veneración. Cargada nun carro de bois, a imaxe non quixo deixar o territorio baredano onde quedou ata os nosos días. Erguéuselle unha ermida no lugar da Cela Vella a onde acudían romeiros da Guarda, Oia, Chaín, Panxón ou Baiona a agradecer a intercesión da avogosa santa nos problemas da vida cotiá. Dende O Cruceiro de Baixo, rememorarase na xeira, aquela aparición traída polo mar picado ata o pé da Cela Vella. Entenderase a importancia de posuír un santuario de referencia durante a Idade Moderna, o patrimonio material e inmaterial xurdido ao seu arredor, así como a separación no espiritual e administrativo, a comezos do século XIX, de Baredo e Baíña, ata daquela unha soa parroquia.

Anuncios