
A Casa Colorida de Nigrán (Rúa Rosalía de Castro, 16) acolle este domingo 1 de xullo ás 13:00 horas a obra de Non Si? Teatro “Romance de Micomicón e Adhelala”, de Eduardo Blanco Amor. Trátase dunha obra interpretada por Isaac Villar, Iria Collazo, Jorge Pérez, Maite González e J.M. Egido con dramaturxia e dirección de Mónica Sueiro. Un príncipe xigante, unha raíña histérica, un feitizo e moito máis nunha farsa de 45 minutos para todos os públicos.
Trapalandia é un reino estrafalario gobernado por unha raíña histérica nun palacio a piques de derrubar polas arroutadas de Micomicón, un príncipe xigante por mor dunha maldición. Entre tanta tolemia vive Adhelala, unha princesa cativa que posúe a sabedoría e o valor para cambiar as cousas. Só ela coñece a orixe do mal do príncipe e o feitizo para curalo. A entrada é de balde ata encher o aforo.
Non Si? Teatro é o grupo de Perfeccionamento da Aula de Teatro de Baiona que leva funcionando na vila de Baiona desde finais do 2006. O grupo foi galardoado con premios nas edicións Xuventude Crea 2007, 2010 e 2015 e na que tamén foi finalista en catro ocasións.