Localizado o presunto autor do ataque a un gato que foi cribado a perdigonazos en Gondomar

FOTO: GARDA CIVIL // Dous axentes co gato ferido.

A Garda Civil investiga por un delito de malos tratos animais ao presunto autor do ataque a un gato que foi cribado a perdigonazos hai uns días en Gondomar. Trátase dun veciño da localidade que se atopa en posesión de armas de fogo e que, segundo sospeita o Instituto Armado, levou a cabo o atroz suceso como vinganza por un ataque previo do felino a uns animais seus. As forzas de seguridade solicitaron ás autoridades que se lle retiren as armas e o permiso para utilizalas.

Proyecto Gato, unha asociación sen ánimo de lucro que se dedica á recollida e esterilización dos gatos rueiros que residen en Vigo e arredores, denunciaba o pasado martes o suceso ante a Garda Civil. Pedían ademais a colaboración cidadá para localizar ao responsable ou responsables. O gato foi recollido na parroquia gondomareña de Morgadáns en moi mal estado, coa cadeira e o fémur rotos, paralítico da parte de atrás, sen visión no ollo dereito, cunha pancreartitis, líquido no abdome e unha peritonitis.

“Queremos agradecer a profesionalidade, sensibilidade, o seu interese e atención co animal e coa asociación á Garda civil e Policía Local de Gondomar, grazas á que se localizou ao autor destes feitos. Esta asociación, ademais de denunciar ao presunto autor material tamén vai denunciar ao propietario deste gato, que estivo 13 horas prostrado na rúa, diante da súa casa, á choiva, paralítico, cos ollos ensanguentados e sen auxiliar ao seu propio animal. O animal arrastrouse 40 metros desde onde lle dispararon ata a porta da súa casa, onde estivo 13 horas prostrado, ata que unha persoa (grazas, Tamara) deulle auxilio”, sinalaban este xoves desde o colectivo.

Anuncios