Gondomar substituirá a caldeira do Concello por outra de biomasa e contratará a unha Enxeñeira Técnica Forestal

A Xunta de Galicia vén de conceder unha nova subvención para substituír a segunda caldeira de gasoil por outra de biomasa, e outra para a contratación dunha Enxeñeira Técnica Forestal desempregada. A Concellería de Medio Ambiente de Gondomar quere manifestar a súa satisfacción e agradecemento, neste caso ao Goberno Galego, pola concesión destas dúas axudas que van permitir seguir avanzando nun modelo de relación co Medio Natural onde o que prime sexa a sustentabilidade e o respecto pola Natureza.

No primeiro caso substituirase a segunda caldeira de gasoil por outra de biomasa igual que se fixo o ano pasado. Esta axuda foi concedida igualmente polo Instituto Enerxético de Galicia ao abeiro do Programa Operativo FEDER-GALICIA 2014-2020 (Fondos Europeos para o Desenvolvemento), que dun total solicitado de 23.674 €, foron concedidos 22.860 €, é dicir, o custe para o Concello de Gondomar vai ser só de 814 €.

“A experiencia da primeira caldeira substituída foi plenamente satisfactoria. Ademais do aforro na súa compra e instalación, tivemos un aforro moi importante no mantemento; na materia combustible (4.000kg de pellets, aproximadamente 1.100 €, para máis de dous anos) e, obviamente e sobre todo a eliminación de elementos contaminantes emitidos á atmosfera. É dicir un importante rendemento social”, destaca Antonio Araújo. Nesta ocasión a caldeira a substituír é a da Casa do Concello, cos conseguintes beneficios que xa se dixeron.

A segunda subvención concedida está relacionada co programa APROL RURAL, da Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo o fomento do emprego, a través da contratación de persoas desempregadas, e cuxo labor será realizado en tarefas vinculadas ao tratamento da biomasa, selvicultura, montes, tratamento de plantas bio-invasoras, etc. Neste caso tamén o custe para o Concello será mínimo, aproximadamente 2.000 €, por un contrato de nove meses de duración que correrá por conta da Xunta. Para este cometido foi solicitada unha Enxeñeira Técnica Forestal, que despois de pasar as probas de selección pertinentes e superadas, comezará a traballar no Departamento de Urbanismo e Medio Ambiente o vindeiro 2 de xullo.

“Dende a Área de Urbanismo e Medio Ambiente, cremos que esta é a liña correcta de traballo: combinar os coñecementos técnicos coa participación social. E sen medios isto non é posible, por iso somos optimistas con estas pequenas conquistas de custe case cero para as arcas municipais, e que sen dúbida van permitirnos avanzar non Medio Natural de maior calidade, e sobre todo nunha función pedagóxica e de creación de consciencia social”, conclúe Araújo.

Anuncios