Faladoiro de Xosé Constenla en Gondomar arredor do libro “O colapso territorial en Galiza”

A libraría Libraida de Gondomar acolle este venres 29 de xullo ás 20:30 horas un faladoiro con Xosé Constenla Vega arredor do libro “O colapso territorial en Galiza” (Editorial Galaxia), XVII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017. O acto será presentado por Carlos Méixome.

“Este libro é un tratado de xeografía. Mais non agarde o lector atopar aquí unha esmerada descrición de vales, cantís ou cumios. Tampouco atopará excelsos listados de nome de lugares, nin sequera unha fabulosa colección cartográfica. A xeografía presente nestas páxinas emerxerá como ciencia social -necesaria e útil- portadora dunha ferramenta de extraordinario poder analítico: o Espazo”.

Xosé Constenla Vega (1980) é xeógrafo. Licenciouse e doutorouse en Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de Didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Vigo e de Xeografía Humana na Universidade de León. Publicou numerosos artigos en revistas científicas no eido da Xeografía e das Ciencias Sociais. En 2010, publicou o libro (Re)Imaxinando o universo urbano. De Batilmore a Santiago de Compostela. Na súa faceta como cantautor, ten catro discos publicados: Quen fixo berrar ao silencio (2005). Olladas dun entusiasta (2008). Sinecismo. Xosé Constenla ao vivo (2013) e Virada por avante (2016).

Anuncios