Alumnos e alumnas do IES Auga da Laxe, de intercambio en Alemaña

Desde o pasado 22 de xuño, vinte e catro alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato do IES Auga da Laxe de Gondomar, acompañados de dúas profesoras, están en Nagold (Alemaña) participando na segunda parte dun intercambio que inclúe, ademais da convivencia coa familia de acollida, actividades e visitas na propia vila de Nagold, asistencia a clases no instituto alemán co que se realiza o intercambio, un obradoiro para facer brezeln (un tipo de pan lixeiramente salgado), visitas ao Museo do Chocolate en Waldenbuch ou ao Museo da Mercedes e excursións á cidade de Stuttgard ou á vila de Bad Wildbad, onde fixeron un percorrido por riba dos cumios dos abetos da Selva Negra. Os alumnos e alumnas do Auga da Laxe xa tiveran a oportunidade de coñecer e convivir cos rapaces e rapazas alemáns o pasado mes de abril, cando os recibiron en Gondomar durante unha semana.

Con esta viaxe o IES Auga da Laxe pecha o seu programa de intercambios do curso 2017-2018, que incluíu tres propostas educativas: un intercambio con Dinamarca para alumnado de 2º de Bacharelato, outro con Francia para alumnado de 3º e 4º de ESO e este con Alemaña para alumnado de 1º de Bacharelato, aos que habería que engadir unha viaxe didáctica a Lisboa con alumnado de 4º de ESO. Este tipo de propostas de internacionalización, que forman parte do proxecto educativo do instituto, ofrécenlle ao alumnado a oportunidade de coñecer outras culturas e mellorar a súa competencia lingüística.

Anuncios