
A VIII edición da travesía a nado Costa Serena-Nigrán reunirá a preto de 400 nadadores entre as cinco probas que se disputarán e consolídase como unha das travesías de longa distancia por excelencia de Galicia e con maior afluencia de nadadores. A travesía terá lugar o domingo 8 de xullo en Praia América e contará coa presenza de nadadores procedentes de 7 Comunidades Autónomas (Galicia, Madrid, Asturias, Castela-León, País Vasco, Cataluña e Navarra) e Portugal con idades comprendidas entre os 5 e os 70 anos.
Esta mañá presentouse en rolda de prensa a travesía nas instalacións do Marina Estelas Panxón e contou coa presenza do alcalde de Nigrán, Juan González; o concelleiro de Deportes de Nigrán, José Luis Sanromán; o concelleiro de Participación Cidadá de Nigrán, Alfonso Vázquez; o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; María Troncoso, en representación de Coca-Cola; a vicepresidenta do Centro Juan María de Nigrán, Rosa Martínez, e Beatriz Alvariño, en representación da organización da proba.
Entre as novidades desta edición destaca a incorporación dun novo percorrido de 2.700 metros, que se suma aos tradicionais de 800 e 4.000 metros. As tres probas serán cronometradas por chip. O percorrido longo, no que se prevé unha gran participación de preto de 300 nadadores, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle central de embarcacións. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.
No percorrido de 2.700 metros, os nadadores tamén irán ata a baliza de Cabezo de San Juan e regresarán polo lado dereito para dirixirse a meta. O percorrido curto, cunha distancia de 800 metros, disputarase en paralelo á costa, o que abrirá a participación a bañistas, curiosos e afeccionados á práctica deste deporte. A saída será no mesmo punto que a proba principal. A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, mentres que a de 2.700 metros ás 11:45 horas e a de 800 metros ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil, kaiaks e pádel surf.
Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos entre 5 e 13 anos, que se disputarán moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e de 150 (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros).
A travesía, organizada polo club Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para O Deporte, Coca-Cola, Renault Rodosa Nigrán, Zoggs, Arena, Decathlon Vigo, Frutas Sol, Froiz, Marina Estelas Panxón, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Waira, Kailúa, Beach Escolas, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Boyer Triathlon Vigo, Restaurante Los Abetos e Rosquillas Cristaleiro, entre outros.
As inscricións poderán realizarse ata o 3 de xullo ás 12:00 horas a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com). Os nenos poderán inscribirse o mesmo día da proba entre as 09:00 e as 11:00 horas no Marina Estelas Panxón, acompañados por algún familiar.
Colaboración co Centro Juan María
Este ano, a organización contará co apoio do Centro Juan María de Nigrán coa participación de alumnos e profesionais que colaborarán no avituallamento e a entrega de medallas aos nenos. O obxectivo é dar visibilidade ás persoas que teñen algún tipo de incapacidade intelectual e lograr a súa plena integración na sociedade.
Evento co selo de bo ambiente
Ademais, a travesía a nado Costa Serena-Nigrán recibiu este ano o selo de evento con bo ambiente por parte de Coca-Cola. Durante a travesía organizaranse diversas actividades dirixidas a concienciar aos participantes sobre a importancia dunha xestión responsable dos residuos.
Máis premios
Este ano, ao incorporar un novo percorrido, haberá máis premios para repartir entre os nadadores. En total entregaranse 56 premios. Nas probas de 2.700 e 800 metros, daranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na de 4.000 metros, daranse premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías na proba de 4.000 metros. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.
Inscricións
A zona de concentración dos nadadores será no Marina Estelas Panxón, á beira das instalacións deportivas Dunas Gaifar, entre as 09:00 e as 11:00 horas.
O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 21 euros e de 19 e 17 euros para as de 2.700 e 800 metros, respectivamente, e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría das dúas probas e medallas aos tres primeiros clasificados na proba de 4.000 metros, un aperitivo no Marina Estelas, un vale-desconto dun 15% para comprar produtos en Decathlon Vigo, un xeado e participación no sorteo de agasallos.
As probas dos nenos teñen un custo de 10 euros e inclúe: camiseta, gorro, avituallamento, asistencia médica, seguro, medallas para todos os participantes, unhas lentes de natación Zoggs e un xeado.