Comeza o VIII Ciclo de Conferencias de Baiona con “Vigo, Cidade con Futuro?”

O Concello de Baiona reunirá este verán a destacados catedráticos e profesores de varias universidades españolas na oitava edición do Ciclo de Conferencias Culturais que cada ano acolle a Capitanía Marítima (Rúa Elduayen, 20). As charlas celebraranse todos os xoves de xullo e agosto no mesmo escenario e á mesma hora (20:30 horas) con entrada libre e gratuíta. Nesta ocasión tamén haberá relatorio o primeiro xoves de setembro e o último de xuño, polo que mañá o Licenciado en Dereito, Arquitecto Técnico, Mariño Mercante, Miguel Font Rosell, abrirá o ciclo coa conferencia titulada “Vigo, Cidade con Futuro?». Font, abordará a pretensión á que pretende aspirar a coidade de Vigo no concerto internacional.

Ademais de Miguel Font Rosell, ao longo do mes de xullo pasarán pola Capitanía Marítima Angélica Figueroa Conde- Valvís, Doutora en Bioquímica e Bioloxía Molecular. Coordinadora do Grupo «Plasticidade Epitelial e Metástase» do Instituto de Investigación Biomédica A Coruña (INIBIC), que falará o 5 de xullo da “Metástase do Cancro: O Gran Reto da Investigación”; o Catedrático de Física teórica da Universidade de Santiago, Alfonso Vázquez Ramallo, para tratar “Que é a física cuántica?” o 12 de xullo; o 19 de xullo Mario Conde, Avogado do Estado, ofrecerá un relatorio que ten por título: “Ser un mesmo, ser persoa en calquera circunstancia da vida”; o Químico e Musicólogo, Manuel López, ofrecerá un singular relatorio o 26 de xullo relativa ao “Mar e a Música Clásica”.

Xa no mes de agosto, o xoves día 2 o profesor Antonio Piñero, catedrático emérito de Filoloxía Grega da Complutense, ofrecerá a charla “O coñecemento do oculto e o cristianismo primitivo: A gnosis”; o 9 de agosto será a quenda de José María Peláez del Valle, escritor e profesor titular da Universidade de Vigo, para impartir a charla acerca de “Leonardo Da Vinci”; o xoves 16 abordarase o tema “A saúde e o viño”, da man de Pluvio Coronado e Rodrigo Rial, médicos Cirurxiáns do Hospital Clínico San Carlos de Madrid (Universidade Complutense de Madrid); o 30 de agosto será a quenda de “Os mozos que abriron o camiño á democracia: Do antigo réxime á constitución de 1812, A Pepa” da Doutora en Historia, Nuria Alonso Garcés. O broche final ao ciclo de conferencias poñerao o 6 de setembro Luis Espada Reacarey, Profesor Emérito de Enxeñería Química da Universidade de Vigo. Ex Reitor Medalla Castelao, que falará de “A Universidade de Vigo, institución punteira en España. 25 anos de Historia”.

Anuncios