Sin categoría

As Xeiras do IEM contarán con dous intérpretes de lingua de signos

Este mércores presentáronse as Xeiras do IEM nun acto celebrado nas murallas da Fortaleza de Monte Real. Son doce visitas guiadas e dirixidas por especialistas no tema da visita, de interese histórico, artístico, natural e paisaxístico, que se realizarán nos meses de xullo e agosto. Ademais de tres dos guías que conducirán as xeiras, Anxo Rodríguez Lemos, Antonio Soliño Troncoso e Xosé Lois Vilar Pedreira, estiveron presentes os alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán, Ángel Rodal, Paco Ferreira e Juan González, e os concelleiros de Turismo de Tomiño e Gondomar, Fátima Rodríguez e Xosé Antón Araúxo.

Serán tres xeiras en Baiona -Nosa Señora da Cela, do aviso da súa aparición na Arquiña á actual Igrexa Parroquial; Serra da Groba, a ladeira da Groba; e Monterreal de Baiona: Vivindo entre murallas-, tres en Gondomar -Camiño da Nosa Sra. do Norte. O Portelo-Capela dos Remedios; Camiño da Nosa Sra. do Norte. Capela dos Remedios-Pazo do Conde de Gondomar; e Presentación da toponimia de Peitieiros-, dúas en Nigrán -Ao son das campás de Parada. II Certame de Campás e Campaneiros; e Río de Táboas- e catro en Tomiño -Arquitectura militar histórica. Fortalezas; Camiño de Nosa Sra. do Norte. Os Liñares, Estás, O Mosteiro; Ouro, mámoas e estrelas; e Monte Tetón-.

Tamén están previstas outras dúas xeiras nocturnas, unha polo mar de Panxón e a outra polos petróglifos de Auga da Laxe, aínda sen data.

A duración media das xeiras, que comezarán o próximo martes 3 de xullo, é de 3:00 a 3:30 horas. Como novidade este ano incorpóranse a todas as xeiras dous intérpretes en lingua de signos, o que favorecerá a integración deste colectivo e o seu achegamento ao patrimonio do Val Miñor e Baixo Miño. Héctor Heinzen, da Organización de Xordos de Galicia (Xoga), agradeceu e felicitou aos organizadores pola iniciativa. “Oxalá as persoas xordas, hipoacúsicas, con implante ou xordocegos, veñan a facer turismo aquí e a coñecer a historia”.

XEIRAS DO IEM