O PP teme a desaparición do Gondomar CF e acusa ao alcalde da falta de diálogo para evitalo

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // O Gondomar CF celebrando o ascenso a Preferente no ano 2012.

A presidenta do Partido Popular de Gondomar fai un chamamento aos socios do Gondomar Club de Fútbol para evitar a desaparición dun club que este ano cumpre 104 anos de existencia, e que conta cunha historia digna de ser recordada.

Neste club xogaron, entre outros, grandes coñecidos como Carburo, Nolete, Alvarito, Enrique Hermida, os xemelgos Ricardo e Javier, Pepe Penisco, así como Hermidita, o máximo goleador do Celta. O Concello de Gondomar concedeulle ao club a medalla de ouro no ano 2014 con motivo do seu centenario e se fixo a publicación dun libro conmemorativo da efeméride.

Na asemblea que se celebrou o pasado 17 de xuño non se presentou ningunha candidatura para facerse coa dirección do club. Ante isto a actual xunta directiva, previa autorización da Federación, puxo como límite o vindeiro 30 de xuño. Finalmente, senón se presenta ningún candidato á presidencia do equipo antes do próximo 10 de xullo, procederase á disolución do club.

A directiva do Gondomar Club de Fútbol culpa ao alcalde Paco Ferreira de haberlles mentido na pasada campaña electoral ao prometerlles que ía acadar unha solución ao problema e non facer nada ao respecto unha vez que accedeu á Alcaldía.. Na páxina de Facebook do club, o alcalde entrou a debater temas como as subvencións concedidas ao club, os investimentos feitos no campo municipal propiedade do concello e as xestións realizadas, que algúns membros da entidade deportiva se encargaron de desmentir, acusando á Paco Ferreira de faltar á verdade.

«Ante un tema tan delicado como a posible desaparición dun club centenario, o alcalde non pode discutilo nas redes sociais, senón con diálogo cos clubs e unha verdadeira implicación no tema», apunta Paula Bouzós, quen tamén engade que «é algo normal en Paco Ferreira á falta total de diálogo, ata cos seus propios socios de goberno, e iso é algo que debería de cambiar polo ben dos veciños de Gondomar e o bo funcionamento do concello en xeral».

Paula Bouzós agarda que todo isto teña unha boa solución e que nas Gaiandas se siga desfrutando do xogo do Gondomar Club de Fútbol como club histórico que é. Como apuntaba Luis Carballo no libro do centenario do club, a xente animaba ao equipo de Gondomar cantando, a ritmo de Rianxeira, unha infantil composición que citaba os pesos pesados do equipo. Dicía: «Tito en la portería, Mosquera en la defensa, Antoñito en la media y Nolete en la delantera; ale Alvarito, ale Nanito, ale Mosquera y Tatán, animad todos a Tito que les queremos ganar».

Anuncios