Sin categoría

Angulo defende en Segovia a coroa do Club Ciclista Rías Baixas

Desde este mércores o Club Ciclista Rías Baixas tentará revalidar o triunfo logrado na clasificación xeral final da Volta a Segovia en 2017. Hai un ano a estrutura presidida por José Luis Chamorro venceu co surafricano Willem Smit e esta vez volve aspirar ao máximo con Antonio ‘Chava’ Angulo como xefe de filas. O cántabro, cuarto o pasado domingo no Campionato de España Elite, buscará ampliar a súa conta de vitorias nesta rolda de tres días.

Desde a súa chegada á entidade miñorana, xa coa tempada iniciada, Angulo rubricou dúas vitorias e unha longa lista de postos de honra. Levantou os brazos nunha etapa da Volta Alacante e repetiu éxito na apertura da Volta á Provincia da Coruña. Con experiencia no campo profesional, ‘Chava’ é un dos candidatos ao triunfo final en Segovia.

Esta rolda que celebra a súa 56ª edición só permite aliñar a un ciclista Elite. Por tanto, Angulo terá como compañeiros de equipo aos sub23 Ignacio Zamanillo, Jaime Guzmán, Antonio Barbero, Adrián Escobar e Sergio Álvarez. Un bloque de escaladores dirixidos por Iván Rodríguez para unha carreira de perfil montañoso.

Tras unha primeira xornada, Fuenterrebolo-Segovia (130 km), con final nunha subida empedrada de 1 km de lonxitude, a proba celebrará a súa etapa reina o venres. Serán 120 km entre La Lastrilla e Torrecaballeros, coas ascensións a Navacerrada e Navafría, dous portos de 1ª categoría, coa cima do último deles a 35 km de meta. Por último, o venres resolverase a volta co 127 km que arrancarán e finalizarán na capital da provincia.