200 quilómetros a pé e en bicicleta pola Síndrome de Usher

O mozo gondomareño Daniel Fernández Cerzón continuará este fin de semana co seu “Reta 3”, dedicado este ano á Síndrome de Usher, considerada unha enfermidade rara que afecta a unha nena nada en Nigrán, Daniela Juste, co obxectivo de darlle visibilidade. Tras completar o pasado mes de abril o primeiro dos tres retos, realizando 7 maratóns en 7 días, o que supuxo 294 quilómetros nunha semana, agora afrontará un ultraduatlón de 24 horas por Ramallosa, Panxón e Baiona.

Ás 20:00 horas do sábado 30 de xuño comezará a correr ao longo dun circuíto de 8 quilómetros chairo durante 12 horas nas que tentará facer entre 90 e 100 quilómetros. A continuación collerá a bici e desde as 8:00 da mañá ata as 20:00 horas do día 1 de xullo percorrerá en bicicleta varias voltas a un circuíto de 13,4 quilómetros case chairo ata chegar mínimo aos 200 quilómetros.

A saída de cada volta do circuíto a pé estará situada no Parque da Ramallosa, dirección Praia América, seguindo polo Paseo Marítimo ata o Porto de Panxón e volta. O circuíto de bici comezará no mesmo lugar para tomar dirección Sabarís, seguindo pola estrada xeral ata a rotonda do Villa Rosa en Baiona e volta de novo ata Ramallosa, onde collerá dirección Praia América ata a rotonda do Motel Holiday, onde dará a volta ata o punto de partida.

Como sinala Daniel todos os que queiran poden acompañarlle neste emocionante e solidario reto cun único obxectivo, visibilizar a Síndrome de Usher.

Daniel Fernández Cerzón xa completou no 2016 tres retos deportivos solidarios pola diabetes e o pasado ano outros tantos polo alzhéimer.

Anuncios