Pablo Marquina domina a final da Liga Social Baitra

FOTO: ROSANA CALVO // Pablo Marquina foi o claro protagonista do Trofeo Baitra.

O novo regatista do Monte Real Club de Yates, Pablo Marquina, de apenas 11 anos, foi o claro protagonista da penúltima xornada da Liga Social Baitra, que se disputou este sábado na baía de Baiona.

Superando as dificultades dun vento bastante frouxo que marcou o desenvolvemento das probas, Marquina logrou impoñerse nas catro mangas celebradas. Foi, sen dúbida, o mellor da clase Optimist e os seus excelentes resultados permitíronlle elevarse ao primeiro posto da xeral da Liga Social Baitra, do que desbancou ao seu irmán Yago Marquina.

Na clase 420, e coa ausencia da tripulación de Sandra Trigo e Rosalía Martínez, que partían como favoritas, a vitoria da xornada foi para o equipo formado por Nico Domínguez e Yago González. Asinaron catro primeiros nas catro probas disputadas e metéronse no peto o ouro provisional, que tratarán de sentenciar mañá.

Na clase de iniciación, o ouro e a prata dispútanllo Aitana Pérez e Jacobo Miranda, de 9 e 12 anos. Entre os dous repartíronse, este sábado, os primeiros postos da xornada inaugural e, salvo sorpresas de última hora, todo apunta a que mañá domingo subiranse ao podio de gañadores.

Ademais do apartado competitivo, a Final da Liga Social Baitra organizada polo Monte Real Club de Iates está a ter unha parte máis lúdica, destinada a achegar ao público ao mundo das regatas para que poidan coñecelo de primeira man. Así, o club baionés, sacou hoxe á auga dous barcos especiais, un con pais e outro con nenos, para que puidesen ver desde a auga o desenvolvemento das regatas.

Este ano, ademais, a Escola de Vela do Monte Real decidiu convidar o Club Marítimo de Canido a participar no seu fin de semana grande, e dez nenos do club vigués achegáronse a Baiona a competir. Entre todos eles destacou Jorge Troncoso, de 15 anos, que acabou todas as probas en primeira ou segunda posición.

A Liga Social Baitra decidirase mañá domingo coa segunda e última xornada de probas, que se celebrará a partir das once da mañá na baía de Baiona. Aínda que as condicións meteorolóxicas serán as que determinen o programa deportivo, a intención do comité de regata é dar saída a tres mangas que manterían o deseño en trapecio da primeira xornada.

Unha vez finalizadas as regatas, as instalacións do Monte Real Club de Iates acollerán a entrega de premios aos gañadores. Será ao redor das catro da tarde e a ela asistirán o xerente de Baitra Accesorios Navales, Juan Carlos González, como patrocinador do evento; o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, en representación do concello; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e o presidente, comodoro e vicecomodoro do Monte Real Club de Iates, José Luis Álvarez, Fernando Yáñez e Genoveva Pereiro.

CLASIFICACION LIGA SOCIAL BAITRA TRAS A PENÚLTIMA XORNADA DE PROBAS

CLASE 420 • LIGA BAITRA

  1. NICO DOMINGUEZ Y YAGO GONZÁLEZ
  2. SANDRA TRIGO Y ROSALÍA MARTÍNEZ
  3. EMMA ARANA Y ELENA MOLARES

CLASE OPTIMIST • LIGA BAITRA

  1. PABLO MARQUINA
  2. YAGO MARQUINA
  3. NACHO SALGUEIRO

INICIACIÓN • LIGA BAITRA

  1. JACOBO MIRANDA
  2. AITANA PÉREZ
  3. CARLA QUINTAS