O luns arrancan os campus deportivos de Baiona co tenis como protagonista

O vindeiro luns dará comezo o Campus de Tenis Concello de Baiona “laCaixa”, organizado polo Club Tenis Baiona e a Concellería de Deportes e Actividades Marítimas. O campus desenvolverase nas instalacións do Pavillón Municipal de Deportes, no Colexio Cova Terreña e o campo de fútbol do Aral, de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas.

Durante o transcurso do campus, os nenos terán unha toma de contacto co tenis. Para algúns será a primeira vez, e para outros, valeralles para seguir mellorando a técnica que durante todo o ano foron adestrando nos seus respectivos clubs ou escolas de tenis. Para iso terán a presenza de dous monitores experimentados, Carlos García e Juan Freitas, ambos os dous titulados pola RPT (Rexistro Profesional de Tenis).

Non todo será tenis no campus, e como todos os anos, o xoves farán unha saída á praia da Ribeira, onde pasarán unha mañá distinta, chea de xogos e diversión. E chegado o venres, organizarase un pequeno torneo entre os alumnos para poñer en práctica todo o aprendido durante a semana.