O Apóstol Santiago leva o premio á Eficiencia na Regata Solar de Marine Instruments

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Equipo do Apóstol Santiago-Jesuitas.

A terceira convocatoria da Regata Solar que organiza Marine Instruments, en colaboración co Concello de Baiona, reuniu na Praia da Ribeira a uns 300 escolares de 15 centros educativos galegos e madrileños, que presentaron corenta proxectos a modo de embarcacións solares propulsadas a motor e baixo dominio dos rumbos con radiocontrol, que fixeron as delicias dos viandantes polo paseo principal da Vila Real.

Coincidindo coa arribada da Nao Victoria, e a presenza permanente da carabela Pinta, historia e tecnoloxía coincidiron no mesmo espazo xeográfico, baixo desenvolvementos de navegación ben distintos separados por máis de 500 anos.

Marine Istruments premiaba nesta terceira cita a Eficiencia e o Deseño, tras realizar os participantes unha serie de probas de destreza e manexo das embarcacións de escala reducida, consistentes nunha primeira manga de velocidade e unha segunda de resistencia, nas que o colexio Apóstol Santiago-Jesuítas de Vigo gañou cos seus dous proxectos na Eficiencia na categoría de ESO-BAC, coordinados polo seu profesor Julio Freijido.

Distinguidos tamén na Eficiencia en Ciclos de Formación Profesional foron os colexios Ricardo Mella e Hogar, primeiro e segundo, respectivamente. E no apartado Open o podio estivo ocupado polo proxecto US613809 no posto dourado, sendo segundo o Amigus Labs, e terceiro o OP Robots.

No apartado do Deseño, o colexio Barreiro foi premiado na categoría de ESO-BAC, e o proxecto Makynote I, do colexio Hogar, no de Ciclos de Formación Profesional.

A entrega de premios celebrouse tras a conclusión da Regata Solar, un acto que contou coa presenza do Alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o Director de I+D+i de Marine Instruments; e o concelleiro de Actividades Marítimas de Baiona, Raúl Costas.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.