Anuncios
Ticker de novas

Paco Ferreira: “O parque de bombeiros é unha necesidade”

Tras rexeitar o martes o Parlamento de Galicia a iniciativa popular non lexislativa na que se lle instaba á Xunta de Galicia á creación dun Parque de Bombeiros no Val Miñor, o presidente da Mancomunidade e alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, insistiu este xoves na necesidade desta infraestrutura en declaracións á COPE.

Para Ferreira, os motivos son obvios: trátase dunha área que aglutina tres concellos que suman 50.000 habitantes, que se triplican en época estival. Ademais, segundo o presidente do ente supramunicipal, considera que este parque debería dar tamén cobertura a Oia, O Rosal e A Guarda, “de tal maneira que o Val Miñor e o Baixo Miño quedasen cubertos”.

“O parque de bombeiros é unha necesidade, -continuou o rexedor gondomareño- non só está para para sufocar incendios, senón para cubrir moitas veces a excarceración en accidentes de tráfico, para prestar auxilio de todo tipo, afogados, etc. Se vemos ademais que temos un servizo GES no Val Miñor nunha situación máis precaria, cunha falta de efectivos… é unha pena deixar pasar esta oportunidade”.

Ferreira lembra ademais que o Val Miñor é de toda Galicia unha das poucas zonas xeográficas que non conta cun parque de bombeiros comarcal, como é o caso da Louriña, o Morrazo ou o Condado-Paradanta. “No seu momento quedamos sen parque de bombeiros tirando de dous servizos GES, aquí no Val Miñor un e na Guarda outro”.

“É unha obrigación por parte das administracións superiores ás administracións locais a ter este servizo. Temos que lembrar que a propia lei de bases non obriga aos concellos de menos de 20.000 habitantes a ter un servizo de extinción de incendios. Si lle obriga a cubrir iso á Deputación e á Xunta de Galicia. Por tanto estamos a asumir nós unha competencia que non é propia”.

En canto ás posicións dos distintos grupos no Parlamento de Galicia, Ferreira non mostra sorpresa ante o voto en contra do PP, con todo sorpréndelle a abstención do BNG, xa que cre que “todos coincidimos en que é unha necesidade, ademais dunha demanda veciñal, garantir a seguridade dos veciños, e por tanto non entendo como un partido como o BNG ponse de perfil neste sentido, cando debería estar co PSdeG e En Marea dunha maneira moi clara e contundente apoiando este parque de bombeiros”.

Anuncios