A Xunta continúa “regando” as cunetas de Gondomar con glifosato

O concelleiro de Medio Ambiente de Gondomar, Antonio Araújo, denunciou publicamente este mércores que a Xunta de Galicia continúa “regando” as cunetas das estradas de propiedade autonómica con glifosato. Fíxoo mostrando un vídeo enviado por unha veciña no que se pode ver un camión, “case con nocturnidade e aleivosía”, regando literalmente as beiravías da estrada que baixa de Couso a Gondomar.

“Advertida a Policía Local, intercepta o camión e, efectivamente, estaba a regar as cunetas con glifosato, no propio camión advertíase do perigo do produto”, afirma Araújo. Como dato curioso, o concelleiro destaca que se trata dunha empresa con sede en Cádiz. O pasado mes de abril, a Policía Local, acompañada polo alcalde, Paco Ferreira, identificou un camión de conservación de estradas mentres actuaba na estrada de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso, naquel caso tratábase dunha empresa de Sevilla.

“O de menos é quen bota o veleno, pero alguén da Xunta debería dar explicacións de todo isto. Desde o Concello daremos parte a quen corresponde, sen descartar a Fiscalía de Medio Ambiente”, conclúe Araújo.

O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar, na súa sesión ordinaria do 2 de xuño de 2016, acordou por unanimidade non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danen a saúde nin o medio.

Así mesmo, dirixiuse á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, e ao Ministerio de Fomento, solicitando o abandono inmediato do uso de herbicidas derivados do glifosato no tratamento das beiras e medianas da rede viaria que pasen polo termo municipal, para que a protección da saúde das persoas e o medio en Gondomar sexa realmente efectiva.