As tradicionais fogueiras inician este sábado as festas de Panxón

Este sábado 23 de xuño arrancan as festas de San Xoán e a Virxe do Carme na parroquia mariñeira de Panxón. Ás 10:30 da mañá haberá un pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e pola noite, a verbena estará amenizada pola orquestra La Ocaband e o grupo Triunfo. Ás 00:00 horas acenderanse as tradicionais fogueiras, coas que se celebrará o inicio do verán.

O domingo 24 o programa comezará ás 19:00 horas cun concerto no porto da Banda de Guerra da Brilat de Pontevedra, que a continuación desfilará ata o Templo Votivo, onde as 20:00 horas terá lugar a Misa Solemne na honra de San Xoán Bautista cantada pola Coral “Ecos do Castelo”. A continuación sairá a procesión acompañada pola Banda de Guerra da Brilat de Pontevedra, e chegada a noite, a partir das 22:30 horas, a verbena estará amenizada pola orquestra La Ola ADN e o grupo Claxxon.

O luns 25 ás 11:00 da mañá a Banda de Música Unión de Guláns ofrecerá un pasarrúas, e ás 12:00 do mediodía un concerto. Ás 21:30 horas celebrarase a Misa Solemne na honra da Virxe do Carme, cantada pola Coral Polifónica “Novos Aires” de Nigrán. A continuación sairá a procesión acompañada pola Banda de Música Unión de Guláns, coa tradicional ofrenda ao mar no porto e a gran tirada de fogos artificiais. O grupo Aramio e a orquestra Televisión poñerán a nota musical á verbena fin de festa.

O martes 26 será o Día do Neno e o domingo 1 de xullo celebrarase en Monteferro a Festa da Sardiña.

Anuncios