«Artesáns&Kids» fai entrega das súas doazóns a Bai.senpulgas e á ONG “Ayuda al Mundo Necesitado”

Esta mañá o salón de actos do CPI Cova Terreña acolleu un acto solidario e emotivo. O alumnado de 6ºA de primaria do entro integrante da cooperativa “Artesáns&Kids” fixo entrega das súas doazóns, mediante senllos cheques, á protectora de animais “Bai.senpulgas” e á ONG “Ayuda al Mundo Necesitado”. O diñeiro procede dos beneficios obtidos da venda dos produtos de artesanía realizados por eles mesmos.

Ao acto de entrega acudiron representantes da protectora de animais, Tatiana Álvarez e Marisa Martínez, e tamén a presidenta da ONG, Juana Alonso, ademais da concelleira de Servizos Sociais e Benestar, Mª Carmen Paredes. Os encargados de facer a entrega foron a presidenta da empresa Artesáns&Kids, Antía Goce, a secretaria, Alba Vidal, e o tesoureiro, Álex Moure, en representación dos seus compañeiros.

O acto estivo arroupado polos profesores que levaron a cabo durante todo o curso co alumnado o proxecto da cooperativa, Mercedes Coto Martínez, Manuel Vázquez Taín e Santiago Otero Barreiro. Tamén estivo no acto a directora do centro educativo, Isabel Martínez Cabaleiro. Todo iso desenvolveuse baixo a atenta mirada orgullosa e emocionada dos pais e nais do alumnado implicado neste bonito proxecto.

Anuncios