Sin categoría

A III Regata Solar de Marine Instruments a escena este sábado en Baiona

Este próximo sábado 23 de xuño a empresa de investigación e tecnoloxía Marine Instruments, en colaboración co Concello de Baiona, organiza a III edición da Regata Solar, un concurso destinado ao ámbito dos Centros de Educación Secundaria e Formación Profesional para apoiar e fomentar o desenvolvemento da innovación tecnolóxica entre os estudantes, así como promover o espírito da creatividade.

A gran cita tecnolóxica foi presentada esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Baiona, contando coa presenza do Socio Director de Marine Instruments, Francisco Pino, e o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal.

Como novidade neste 2018 incorpórase unha nova categoría, a Open, de libre participación e aberta a todas aquelas persoas ou colectivos con inquietudes no desenvolvemento da tecnoloxía naval.

O premio valorará o deseño e a eficiencia de embarcacións e, en definitiva, a orixinalidade do proxecto presentado. O obxectivo é incentivar aos Centros Formativos na curiosidade e promover os seus primeiros pasos no mundo tecnolóxico desde idades temperás.

Marine Instruments proporcionoulles aos centros educativos participantes o equipamento básico e a partida orzamentaria de 200€ por barco, destinados á compra de material extra para personalizalo e melloralo.

Concederanse premios para cada unha das tres categorías e nos respectivos niveis asignados, que son ESO, Ciclos de Formación Profesional e Open.

O día da competición realizaranse diferentes regatas que serán definidas por Marine Instruments, tendo por circuíto unhas boias fondeadas nas augas da Praia da Ribeira de Baiona, a partir das nove da mañá e ata as dúas da tarde, mostrando os alumnos a súa pericia na navegación dos deseños por radiocontrol. A propiedade intelectual dos proxectos presentados pertencerá exclusivamente a cada un dos candidatos, contándose ata preto de 300 participantes de 40 proxectos na súa totalidade, algúns deles chegados desde outras comunidades españolas.