
Despois dunha mañá cargada de fútbol e diversión, xa temos ao esperado campión da Copa Mahou GF7 C desta tempada. Os vigueses Telmo Peluqueros levantaron un ano máis o trofeo de campión e proclámanse desta forma como o mellor equipo de fútbol 7 de Galicia. Na final enfrontáronse aos santiagueses Gastro Bar El Patio, que chegaban dun partido de semifinais que non lles causou moitos problemas. Pola súa banda, Telmo Peluqueros xogou en semis contra os coruñeses Aluvisa Colines, campións do Torneo Clausura na sede herculina. Ambos os dous equipos merecéronse gañar e finalmente, cun 3-3 no marcador, todo decidiuse na quenda de penaltis.
Unha final de infarto
Xa na final, Telmo Peluqueros tivo un arranque máis acertado que os seus rivais composteláns, e é que os goles da primeira metade foron clave. Tras o descanso, Gastro Bar El Patio reduciu distancias cun par de goles seguidos, pero non lles foi suficiente para darlle a volta ao encontro. O resultado final foi de 5-3. Os campións, que recibiran unha invitación para xogar a Copa Mahou tras quedar primeiros no Torneo Apertura vigués, representarán a Galicia no Campionato de España de Fútbol 7. O torneo nacional celebrarase os días 29 e 30 de xuño en San Sebastián de los Reyes.
Aluvisa Colines, pola súa banda, gañou a final de consolación e conseguiu facerse co terceiro posto. Non foi o único trofeo que levou de Baiona o conxunto coruñés, e é que o seu membro ‘Huguito’ foi nomeado o Xogador Cinco Estrelas do torneo. Pola súa banda, os composteláns Toxiño F.C. gañaron o Reto Fitbit da gran final autonómica do fútbol 7 galego, tras ser o equipo que máis correu este fin de semana no campo do Aral.
Desde as 3 sedes da Galicia F7 Cup -A Coruña, Santiago de Compostela, e Vigo- chegaron este fin de semana a Baiona os conxuntos como premio polos seus méritos deportivos tras esta tempada. Xuntáronse os campións do Torneo Apertura, Torneo Clausura, e Copa de cada cidade. Máis de 200 xogadores, repartidos en 15 equipos, que xogaron entre eles para proclamarse o mellor conxunto de fútbol 7 galego. Un título, que durante un ano máis, perténcelle a Telmo Peluqueros.
A por o campionato nacional
E de Baiona a San Sebastián de los Reyes. Telmo Peluqueros, xunto aos outros 3 semifinalistas, gañáronse nesta final autonómica o seu dereito a participar no Campionato Nacional de Fútbol 7 que este ano se celebrará en terras madrileñas. A través da Asociación Española de Minifútbol (AEMNF) e a European Minifootball Federation (EMF), os equipos da Galicia F7 Cup poderán seguir percorrendo etapas a nivel europeo se se proclaman campións nacionais, representando a España na EMF Champions League.