Co sol volve o éxito do maratón musical “Sons do Casco”

Baiona celebrou este sábado a versión 2.0 da Ruta Musical “Sons do Casco”. Os oito grupos que non puideron actuar o pasado fin de semana por culpa do mal tempo converteron de novo as rúas da Vila nun gran escenario ao aire libre, nun evento organizado pola Concellería de Cultura e a Asociación de Comerciantes e Empresarios (ACEBA).

Desde as 13:00 ata as 23:30 horas, os oito grupos de diferentes estilos ofreceron as súas propostas musicais ao numeroso público asistente noutros tantos escenarios repartidos por diferentes recunchos da zona vella, como a Praza do Pai Fernando, a Fonte da Laxe e a Fonte de Zeta ou os xardíns da Casa da Navegación. Pop rock, blues & soul, rumba, jazz, funk e ata clásicos populares, foron os protagonistas da xornada.

Pacheco Bross iniciou este “maratón” musical. Despois actuaron Awen, El Patio, Antelo Dúo, San Rockers, La Franga e Black Stereo. A Polémica Banda dos Bechuchos pechou o evento.