Nigrán saca a licitación a construción da nova biblioteca municipal por 1.796.681,68 €

O Concello de Nigrán sacou a licitación a construción da nova biblioteca municipal por importe de 1.796.681,68 € (IVE incluído), tendo as empresas ata o 2 de xullo para presentar as súas ofertas. As bases están a disposición dos interesados na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e a través do Perfil do Contratante da web do Concello de Nigrán. O proxecto será financiado nun 80% pola Deputación de Pontevedra a través dunha subvención destinada á mellora de equipamentos, servizos ou dotacións singulares para municipios de menos de 20.000 habitantes e o Concello asumirá o 20% restante.

Así, tal e como xa se anunciara, o novo edificio exponse nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

O proxecto do estudio Gándara#Pons contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sustentabilidade ambiental.

Cun deseño minimalista na que a fachada exponse de granito silvestre e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen soto. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.