Anuncios
Ticker de novas

30 fontes de Camos e Chandebrito afectadas polos incendios recuperan a potabilidade

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Unha veciña colle auga na Fonte de Rías, en Camos.

As novas análises encargadas polo Concello de Nigrán das fontes de todo o municipio revelan que a maioría das situadas nas parroquias de Camos e Chandebrito xa son aptas para o consumo (tras os incendios de outubro o Concello detectou que máis do 50% delas eran temporalmente non potables debido aos estragos do lume). En total, analizáronse 36 fontes nestas parroquias e só 6 aínda non son actualmente aptas (Escampado, Levada, Reboreda e Río en Camos; Pracíns de abaixo e Regueiro en Chandebrito). Entre as recuperadas figura Fonte da Cruz, Borreiros, Tomadas ou o Castro. Tras o incendio do 15 de outubro e, debido á forte seca, só se puideron analizar 21 mananciais.

Esta información foi trasladada xa ás entidades veciñais das parroquias e o Concello procederá inmediatamente a sinalizar cada unha delas, repetíndose periodicamente as análises para manter unha información actualizada. En calquera caso, pídeselle á veciñanza que preste atención á sinalización e non beba mentres se indique unha fonte como non apta para consumo.

O Concello de Nigrán repartiu máis de 70.000 litros de auga nas parroquias de Chandebrito e Camos as semanas posteriores aos incendios. Ademais de afectar ás fontes, o incendio destruíu canalizacións de traídas comunais e mesmo dos seus depósitos, motivo polo que os veciños de Chandebrito e boa parte dos de Camos quedaron sen auga, xa que nesta zona non hai abastecemento municipal.

Anuncios