Anuncios
Ticker de novas

Comando Ghichas cumpre tres anos loitando contra os herbicidas no Val Miñor

FOTO: COMANDO GHICHAS // Herbicida nas cunetas da estrada Vigo-Baiona competencia da Xunta de Galicia.

Este é o terceiro ano que Comando Ghichas leva a cabo a campaña contra os herbicidas no Val Miñor. “Imos vendo resultados, pouco a pouco. Gustaríanos que esta fose a última e que os agrotóxicos, que son moitos, deixaran de estar presentes no noso medio. Sabemos que non é fácil, pero pode conseguirse, e sobre todo sabemos que somos a xente, a cidadanía, a que temos que poñernos en pé para reclamar unha e outra vez ás administracións que defendan o noso medio, do que somos parte!,e que os criterios económicos non xustifiquen as desfeitas ecolóxicas”.

O que non se pode entender é que apareza unha noticia na prensa (Voz de Galicia. Ourense. 21/3/18 ) co seguinte titular: “A Xunta pide aos concellos que eviten o uso de herbicidas para limpar de maleza as estradas”. Neste artigo podemos ler: “Basicamente, o que pide a normativa actual é que se estude a zona para tratar, cada tramo, para verificar se é necesaria a aplicación de produtos fitosanitarios, priorizando a aplicación doutros medios de control de maleza ou de pragas mediante medios mecánicos ou outro tipo de medios biolóxicos antes que a utilización de medios químicos, que son contaminantes”, sinala Carlos Mansanet, inspector de sanidade vexetal da Xunta. “Por certo debe ser unha nova titulación que nos chama a atención”.

Desde Comando Ghichas pregúntanse como a administración pode esixir isto cando é a propia Xunta (ademais de moitos concellos) a que fumiga ano tras ano as estradas!? Como se pode entender? Como dá unha mensaxe contraria ao que fai?.

Para o colectivo isto só pode suceder se a nosa administración autonómica funciona por compartimentos estancos, que non se comunican e que non teñen un proxecto común, e iso puidérono comprobar cando na campaña anterior enviaron cartas ás diferentes consellerías da Xunta, que entendían implicadas non tema dos herbicidas, e recibiron a resposta de Medio Ambiente: “isto non é cousa nosa, é da concellería de Medio Rural. E así andamos”.

Efectos no medio

Cada ano, en cada campaña contra o uso destes tóxicos, inciden en que estes produtos acumúlanse na auga, na terra, contaminan o medio e polo tanto afectan á saúde.
Recentemente saíu á luz un estudo extenso e completo titulado “Ríos hormonados”. Os seus autores son Rodrigo Balaguer, Giorgio Dimastrogiovanni, Kistiñe García, Erika González, Angeliki Lysimachou e Dolores Romano. Publicado por Ecolxistas en Acción e PAN Europa. Neste estudo,en base á Lei 27/06 que regula o acceso público á información ambiental, Ecoloxistas en Acción solicitou por escrito a todas as Confederacións Hidrográficas os resultados das analíticas realizadas nos 5 últimos anos das substancias prioritarias no ámbito da Política de Augas. Así como das substancias praguicidas das que se sabe ou sospeita que son disruptoras endocrinas. A información é alarmante: “A maioría dos praguicidas detectados non están autorizados na UE nin en España,e mesmo aqueles prohibidos hai moitos anos, como o DDT, o hexaclorobenceno, o lindano, a atrazina e o endosulfán aínda están presentes no medio acuático. Isto é preocupante, porque mostra por unha banda que estes produtos químicos nocivos utilizáronse amplamente en España e agora persisten no medio ambiente, e doutra banda, que os praguicidas deben usarse ilegalmente, como se desprende do caso do DDT e lindano, que foron prohibidos (DDT desde os anos 80 e lindano en 2008) pero os compostos parentais (DDT e gamma- HCH) aínda se detectan. Ademais, estas substancias que están presentes na auga poden actuar aditiva ou sinérxicamente con novos contaminantes, dando lugar a diferentes efectos adversos en organismos expostos e en concentracións de exposición máis baixas que os efectos causados por, cada composto individualmente”.

No Val Miñor

A situación no Val Miñor, desta vez, presenta certos cambios. Por unha banda vemos que a poboación está máis concienciada. As campañas informativas que de xeito continuado van levando a cabo van dando resultados. Tamén cada vez en Europa e en Latinoamérica hai mais movementos en contra dos agroquímicos. “Temos constancia de que tanto a veciñanza de Gondomar como a de Nigrán protestou nos seus concellos ao ver as cunetas queimadas pola Xunta, no caso de Nigrán tamén nalgún espazo competencia do concello. Isto xa é un avance, a toma de conciencia”.

No Val Miñor presentáronse no seu día, por diferentes grupos políticos e impulsadas polo reclamo da veciñanza, mocións en contra do uso de herbicidas con glifosato, nas que se instaba a rozar as beiras por medios mecánicos e eliminar os herbicidas tóxicos, ademais de solicitar á Xunta que non fumigara as estradas das que ten competencia e que se situaron nos territorios dos concellos coa moción aprobada.

No concello de Baiona a moción non foi admitida ao pleno por parte do goberno local con maioría absoluta. Nos concellos de Nigrán e Gondomar foi aprobada. Isto xa supón un cambio con respecto a anos anteriores. Como tamén o feito de que a Deputación de Pontevedra non estea a fumigar as súas estradas.

Os acordos incluídos na moción estanse a cumprir por parte do concello de Gondomar, que non emprega dende entón outros medios que os mecánicos para rozar os espazos que lle corresponden e instou á Xunta a parar as fumigacións, puidémolo ler na prensa, aínda que a Xunta, non fixo caso e as estradas dependentes do goberno Autonómico están queimadas con herbicidas, aquí e en toda Galicia. Este concello tamén organizou charlas para a veciñanza nas que se explicaban as consecuencias do uso destes tóxicos. Polo tanto o seu traballo está feito. Isto sería o normal,o cumprimento das mocións aprobadas, pero parece que chama a atención xa que non é frecuente. Así que temos outro avance.

No concello de Nigrán a moción non se está a cumprir na súa totalidade, se ben hai algún cambio. Non temos constancia de que se teña comunicado coa Xunta instándolle a non fumigar o territorio do concello e tampouco que se fixeran charlas divulgativas sobre este tema como estaba acordado.

Nigrán deixou de usar o glifosato, agora emprega ácido acético ao 25 % segundo informa o concelleiro de medio ambiente, produto tamén tóxico para o medio, aínda que non coas repercusións do glifosato, con todo Comando Ghichas pregúntase si é realmente necesario xa que, como poden ver, as estradas de Gondomar aparecen limpas e non utiliza produto ningún. Cal é a motivación? Económica? A quen favorece?.

As enfermidades dexenerativas, alerxias, cancros… cada vez están máis estendidas. Gástanse cantidades enormes de diñeiro na súa cura (se é que a ten), en medicamentos, en campañas sobre prevención e a alimentación “saudable” (esa é outra, a industria agroalimentaria, como produce o que comemos e bebemos, con que produtos “saudables” alimentamos á infancia…) Pero o que non se fai é investigar as causas da proliferación destas enfermidades. Por que?.

“O que si sabemos é que as industrias farmacéuticas e as dos agroquímicos van da man, son as mesmas, e son grandes multinacionais que teñen por obxectivo ter grandes beneficios”.

Recentemente os tres concellos do Val Miñor organizaron conxuntamente, como en anos anteriores, unha xornada en defensa da apicultura… É isto coherente?

Pódese realmente apoiar o mundo das abellas e consentir ao mesmo tempo o uso de agroquímicos que acaban con elas? Pode un goberno dicir que respecta ao medio e facer propaganda do seu ecoloxismo e á vez deixar contaminar o seu territorio?.

“Pedimos coherencia e responsabilidade ás administracións e moita concienciación á veciñanza”, conclúe Comando Ghichas.

Anuncios