Gondomar Concello Aberto pide a limpeza e amaño da fachada do Centro de Saúde

Gondomar Concello Aberto denuncia o aspecto de descoido evidente do actual Centro de Saúde. Na fachada principal vese claramente unha falla de interese, das diferentes administracións, xa que a entrada está sucia e chea de graffitis e carteis, unha das luces da entrada está rota e o reloxo está cuberto de excrementos de paxaros. “O aspecto non se corresponde en absoluto co que ten que transmitir un espazo público, máxime un Centro de Saúde”, sinala Pauliño del Río.

O Grupo Municipal de CABE presentará unha iniciativa no próximo pleno do mes de xuño a celebrar este xoves día 14 ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío na que propón ao Pleno do Concello de Gondomar instar á Administración competente (Xunta de Galicia –SERGAS, Concello de Gondomar) para que proceda ao amaño do Centro de Saúde na súa fachada principal, repoñendo os elementos de iluminación rotos, retire os cables á vista, restaure os elementos de madeira da entrada principal, eliminando graffitis e carteis e limpando o reloxo.

Del Río recorda ademais que o actual Centro de Saúde de Gondomar presenta carencias, algunhas graves, como son:

  • Ten uns dos ratios máis altos tanto de Médicos de Familia como en Pediatría. Na actualidade o centro non recolle a poboación con tarxeta do Concello. Así parte da poboación está a ser atendida no Centro de Saúde do Val Miñor. A poboación de Gondomar segundo o INE do 2016 é de 14.192 persoas, cunha poboación infantil menor de 15 anos de 2.064 persoas e de 12.128 adultos.
  • Presenta mala accesibilidade pola ausencia de aparcadoiros e dificultades de circulación rodada.
  • Se ben a estrutura non é antiga, todos os espazos están en uso e non ten posibilidades de crecer.
  • O arquivo está repartido por diferentes dependencias.

Hai sete anos, o Consello da Xunta de 14 de outubro de 2010 aprobou a licitación do Centro de Saúde de Gondomar, “obra absolutamente necesaria para o noso concello, xa daquela”, recorda o voceiro de CABE. “Aínda hoxe está en construción e unha vez rematado non vai resolver moitas das necesidades asistenciais da poboación de Gondomar (pediatría, fisioterapia…), mentres os usuarios e usuarias seguen a ser atendidas no antigo edificio”.

Anuncios