Baiona, primeira parada de “Un chef no rural”

Poñer en valor os produtos da terra dunha maneira dinámica e atractiva. Ese é o obxectivo do proxecto “Un chef no rural”, unha nova iniciativa de difusión da entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020, que arranca este xoves 14 de xuño en Baiona e que percorrerá cinco concellos do territorio ao longo deste mes.

Os Xardíns do Museo da Navegación de Baiona acollerán a partir das 12:30 horas unha demostración culinaria a cargo do recoñecido chef galego Iván Méndez na que tradición e innovación mesturaranse para elaborar menús e pratos adaptados ás peculiaridades do concello baionés. É unha iniciativa que busca dar a coñecer os produtos da contorna e sacar rendemento aos alimentos locais.

Entrada gratuíta

O público poderá asistir a esta demostración gastronómica e a todas as que se realicen ao longo do mes de maneira gratuíta, con entrada libre ata completar aforamento. O Mercado Municipal de Tomiño será a seguinte parada de “Un chef no rural”, onde chegará este sábado 16 de xuño ás 12:00 horas. Despois, Iván Méndez visitará cos seus escollidos menús a Praza do Concello de Redondela (venres 22 de xuño ás 19:30 horas) e o Pazo de Mos, concello no que tivo que atrasarse a demostración e trasladala para o sábado 23 de xuño ás 12:00 horas polas malas condicións meteorolóxicas. O chef pechará a súa cociña na Praza de San Fernando de Tui o venres 29 de xuño ás 20:00 horas.

Este proxecto nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas e informativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abarca aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.