A Xunta apoia o desenvolvemento das persoas con TEA a través do centro Castro Navás de Nigrán

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, visitou hoxe o centro residencial e de día Castro Navás, situado en Nigrán e que acolle a persoas maiores de 16 anos con trastorno do espectro autista (TEA) en réxime de media pensión e distintos tipos de estancias de residencia, con e sen fin de semana.

Os usuarios da instalación teñen acceso a servizos de terapia ocupacional e axuste persoal e social. Así mesmo, alí teñen lugar actividade de ocio dirixidas a reforzar as habilidades de inclusión social e desenvolvemento autónomo dos participantes.

Cómpre destacar que o centro conta coa colaboración da Xunta de Galicia mediante un contrato de xestión de servizo público asinado coa Fundación Menela, a través do cal aporta máis de 1,2 millóns de euros en 2018 para ofertar un total de 53 prazas de residencia, e 176.569 euros para o mantemento de 14 prazas en modalidade diúrna.

A titular do departamento autonómico indicou que pese aos avances que se teñen producido na atención e inclusión das persoas con TEA. “Temos aínda complexos e barreiras que superar” afirmou e ao respecto, considerou que “é fundamental que, como sociedade, academos unha mellor comprensión do trastorno do espectro autista para actuar na eliminación daquelas eivas que impiden a plena integración e participación destas persoas en todos os ámbitos”.

Fabiola García reiterou o compromiso do Goberno galego coas persoas con TEA e as súas familias, lembrando que nos orzamentos de Política Social para o este ano se recolle un novo impulso económico aos convenios que a Administración autonómica ten coas distintas federacións de entidades que desenvolven a súa actividade neste ámbito, cun crecemento global do 5% ata superar os 630.000 euros.

Así mesmo, lembrou que a atención ás persoas con discapacidade e aos maiores é moi importante para o Goberno galego e sinalou que “o verdadeiramente necesario é prestar o mellor servizo ás persoas que máis o precisan”. Por iso, a Xunta de Galicia aumentou a partida destinada ao coidado de maiores e persoas con discapacidade en 29 millóns con respecto ao pasado ano, ata alcanzar os 414 millóns de euros de orzamento en 2018.

Anuncios