O BNG insta ao Sergas a garantir a apertura do Centro de Saúde de Gondomar de mañá e de tarde

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde de Gondomar.

O BNG vén de presentar senllas iniciativas no Concello de Gondomar e no Parlamento de Galicia, a prol dunha atención sanitaria axeitada no municipio tras coñecer que o Sergas pretende pechar as consultas de tarde no Centro de Saúde durante o verán.

“Continuando coa súa política de recortes e amortización de prazas na atención primaria, o Sergas vén engadir un novo chanzo no desmantelamento da sanidade pública no xa deprimido servizo que presta nesta localidade, ao programar o cesamento das consultas as tardes do verán”, sinala Manuel Rodríguez Pumar.

Segundo os nacionalistas, o Centro de Saúde de Gondomar padece unha penuria de recursos humanos, agravada pola ausencia de cobertura para as profesionais sanitarias por baixas ou vacacións. “Sirvan de exemplo as carencias en pediatría, cunha soa praza para unha asignación de 1.300 pacientes sen substitución durante as vacacións, ou unha única matrona tamén sen substituta, obrigando á suspensión das revisións xinecolóxicas, do seguimento de embarazos ou da realización de controis ás mulleres”.

Por todo o exposto, o BNG de Gondomar solicita do Pleno da Corporación Municipal o acordo de instar ao Goberno Galego a garantir por parte do SERGAS a cobertura de todo o persoal sanitario do Centro de Saúde de Gondomar (o da mañá e o da tarde), para asegurar a atención sanitaria durante o verán e evitar un maior deterioro da prestación do servizo nesta época do ano, na que se incrementa a poboación coas persoas desprazadas ao noso concello.

Tamén garantir por parte do SERGAS a substitución do persoal sanitario nos casos de vacacións e baixas médicas desde o inicio da baixa, e instar ao SERGAS a dotar ao Centro de Saúde de Gondomar dunha nova praza de atención pediátrica en horario de tarde, para atender debidamente á poboación infantil do concello, distribuíndo ás crianzas nos dous horarios, e contribuíndo á conciliación laboral e familiar das nais e pais que traballan de mañá.

Anuncios