Nigrán reordenará o tráfico na rúa Caranquexo cunha glorieta e humanizará a zona con novas beirarrúas

O Concello de Nigrán emprenderá nunha semana as obras de humanización e reordenación do tráfico na rúa Caranquexo, orzadas en 62.772 € e a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e cun prazo de execución de tres semanas (co obxectivo de que a primeiros de xullo estea lista). Actualmente, este viario que remata na praia de Prado, ten graves problemas de circulación do tráfico rodado, especialmente no verán, xa que carece de vías de evacuación ou zonas de aparcamento delimitadas, a maiores, presenta defectos de recollida de pluviais ou saneamento que ao fin se verán liquidados e que provocaban as queixas dos veciños.

O proxecto do Concello de Nigrán contempla, entre outros aspectos, a mellora da circulación mediante a creación dunha glorieta axardinada no seu remate en Prado ou a renovación das beirarrúas para que cumpran todas as normas de accesibilidade. Ademais, substituirase todo o pavimento, implantarase alumeado público mediante luminarias LED e, grazas á pendente natural, recolleranse as pluviais mediante sumidoiros que irán ao colector xeral (aproveitando esta última actuación resolverase o problema de carga dos colectores de saneamento que, en momento de choiva, inundan fincas lindeiras). A construción da glorieta supón retirar as sinais verticais e demoler o pavimento de formigón actual.

Por outra banda, o proxecto contempla unha pequena zona de descanso con dous bancos, dúas papeleiras e unha fonte (o que implica ampliar o abastecemento ata a zona de praia).

«O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e humanizar toda a contorna, xa que actualmente a rúa presenta problemas de circulación, falta de ordenación do aparcadoiro ou deficiencias nos colectores de saneamento ou pluviais», sinala o alcalde, Juan González.