Gony Zubizarreta volve ás súas orixes cun curso en Patos

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Gony Zubizarreta estivo onte en Patos cos participantes no clínic.

O surfeiro profesional Gony Zubizarreta (1985), natural de Bos Aires aínda que miñorano de adopción, atópase este fin de semana na comarca para organizar un clínic en colaboración con La Conservera del Surf, unha escola situada en Patos e pola que participarán un total de oito deportistas de todas as idades.

Aínda que poida parecer unha iniciativa de pouca envergadura é precisamente o reducido número de participantes o que a dota de exclusividade, xa que gozarán de atención personalizada do campión do mundo júnior de 2002 na modalidade e actualmente está entre os 100 mellores do globo. Aínda que nun principio íase a desenvolver durante todo o fin de semana optaron en concentralo nunha soa xornada, a de hoxe domingo, xa que segundo aseguraron “se o fas durante varios días non sacas o mesmo rendemento xa que o corpo non recupera, nun día con boas ondas podes sacar moito proveito”. O campamento estruturarase en dúas quendas ou baños de varias horas de duración, xa na auga Zubizarreta examinará as virtudes e puntos fracos dos participantes para corrixilos desde o punto de vista técnico. Gravarán vídeos un a un xunto con apuntamentos personalizados que posteriormente serán entregados persoalmente para puír estilo e execución, transmitindo toda a súa experiencia. “Estiven desde os 16 ata os 25 adestrando desta maneira e serviume de moito, espero que a eles tamén”, matizou.

Este é o punto de partida dunha serie de accións nas que teñen postas todas as esperanzas para que callen, “esperamos repetir experiencia dúas ou tres veces máis ata final de ano”, aclarou. Como colofón, en decembro desenvolverase no areal de Patos o “Campionato Gony Z Series” que consistirá nunha proba deportiva da modalidade con diversos premios e sobre a que se vertebra este proxecto. Trátase da segunda edición dun evento que en 2017 contou con gran aceptación pasando de 50 inscritos, aínda que para o deste ano tratarán de acoutalo en idades menores aos 18 anos. Para 2019 ten en mente trasladar esta fórmula fóra das nosas fronteiras a lugares como Maldivas e Indonesia, e contempla reservar algunha praza para os gañadores do campionato de decembro.

A pesar de que por motivos de traballo o campión do mundo júnior do ano 2002 leva varios anos vivindo en Portugal, en canto ten un oco aproveita para regresar ás súas orixes, e esta é precisamente outra das ideas que Zubizarreta ten en mente. Crear unha liña de iniciativas que manteña viva a unión entre surfeiros de base e os areais do Val, todo iso conxugado por el en primeira persoa. Un surf punteiro nado en Nigrán e con denominación de orixe auténtica.

Oakley, Volcom ou Nixon son algunhas das marcas que o patrocinan aínda que tamén conta coa súa propia Jam Traction, fundada xunto ao seu bo amigo e ex profesional Marlon Lipke. A pesar de que leva dous anos un pouco máis tranquilo en canto a competicións refírese, en breve viaxará a Sudáfrica e logo a California para participar no mundial.