A Liga Galega de Traiñeiras arranca o vindeiro sábado en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación da Regata de Traiñeiras "Bandeira 525 Aniversario da Arribada da Pinta".

A cuberta da réplica da Carabela Pinta foi o escenario este sábado da presentación da tempada 2018 da Liga Galega de Traiñeiras, que comeza o vindeiro sábado 16 de xuño en Baiona, coa “Bandeira 525 Aniversario da Arribada da Pinta”. A Real Vila recupera así as traiñeiras 30 anos despois da última proba celebrada na súa baía, alá por 1988, co obxectivo de non volver perdela.

“Queremos facer da nosa vila un lugar único onde gozar dos deportes náuticos, para gozar do mar, para visitar, reforzando o noso vínculo co océano e as nosas raíces mariñeiras, por tanto no noso horizonte sempre estivo devolver a Baiona a regata de traiñeiras”, sinalou o concelleiro de Actividades Marítimas, Raúl Costas.

O vindeiro sábado ese soño materializarase e poderemos gozar dun espectáculo único na baía baionesa, sendo ademais esta regata a máis importante da Liga Galega de Traiñeiras, xa que será onde, despois de case un ano, os equipos volvan atoparse para medir forzas na competición.

Asistirán todos os equipos, os da Liga A (12 equipos), a Liga B (9 equipos) e a Liga Feminina (5 equipos), sumando un total de 26, coas súas 26 traiñeiras e os seus máis de 550 deportistas que xunto co persoal técnico, adestradores, delegados, presidentes, familiares e afeccionados brindarán unha especial xornada.

Na tempada 2018 que comeza agora, os 26 clubs que están inscritos na Liga Galega de Traiñeiras son Samertolameu, Vilaxoán, Amegrove, Rianxo, Ares, Bueu-Teccarsa, Puebla, Mecos-Mondariz, Coruxo, Castropol, Chapela e Meira na Liga A. Muros, Cedeira, Vila de Cangas, Esteirana, A Cabana-Ferrol, Salgado-Perillo, Virxe da Guía, Cabo da Cruz e Mugardos na Liga B. E Cabo de Cruz, Vilaxoán, Mugardos, Náutico Riveira e Salgado-Perillo na Liga Feminina.

Na presentación estiveron presentes o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, a Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, e o presidente da Liga Galega de Traiñeiras, Melchor Gago, ademais dos alcaldes e alcaldesas de Ares, A Pobra, Boiro e Muros, -Julio Iglesias Redondo, Xosé Lois Piñeiro, Juan José Dieste e María José Alfonso respectivamente-, o segundo tenente de alcalde de Mugardos, José Rebustiano López, e o concelleiro de Medio Ambiente de Redondela, Miguel Ángel Álvarez.