Chandebrito celebra as festas do Cristo da Vitoria

A parroquia nigranesa de Chandebrito celebra este fin de semana as súas festas patronais na honra do Cristo da Vitoria. O venres 8 de xuño comezará o programa previsto cunha verbena amenizada por Tres Hombres Sin Piedad e A Roda, a partir das 22:30 horas.

O sábado 9 ás 11:00 da mañá fará entrada no Torreiro Vello de Festas o Grupo de Gaitas da Parroquia “O Castro”. Ás 12:00 do mediodía celebrarase a Misa Solemne na honra de San Antonio seguida de procesión. Ao finalizar darán comezo as tradicionais “poxas” de San Antón, e despois actuará o Grupo de Gaitas “O Castro”. Ás 18:00 horas comezará a Festa dos Nenos e ás 22:30 horas a verbena, amenizada polo Trío La Noche e o Grupo Montreal.

O domingo 10 ás 11:30 da mañá o grupo Argonat Band ofrecerá un concerto. Ás 12:00 do mediodía comezará a Misa Maior na honra do Santísimo Cristo da Vitoria, cantada pola Coral da Parroquia “Os Vagalumes”, seguida de procesión. Finalizados os actos relixiosos, volverá actuar Argonat Band.