Baiona postúlase como “campus residencial” da Universidade de Vigo

FOTO: UVIGO // O reitor en funcións, Salustiano Mato, acompañado polo alcalde, Ángel Rodal, e os representantes de Aceba.

Proximidade xeográfica e facilidade de aloxamento son, a xuízo dos seus impulsores, os puntos fortes do proxecto “Baiona, campus residencial universitario”, unha iniciativa que comezou a fraguarse hai xa uns anos neste concello do Val Miñor e que hoxe se presentou ao reitor en funcións, Salustiano Mato, quen eloxiou todo o traballo realizado a prol de conseguir unha maior unión entre as e os habitantes desta vila e o campus.

Encabezados polo alcalde da vila, o popular Ángel Rodal, e unha representación da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, dirixida por Marcos Comesaña, o reitor puido escoitar da man dos seus principais artífices os puntos fortes dun proxecto que busca atraer aos estudantes foráneos que cursan os seus estudos no campus de Vigo para que elixan Baiona como lugar de residencia durante o curso académico.

Aloxamento e transporte, puntos claves do proxecto

Para a consecución do proxecto “é fundamental que exista liña directa a través de transporte público, que é algo que eles xa contemplan, e que isto se complemente cunha oferta residencial que permita que o alumnado que cada ano chega á Universidade vexa así incrementada a oferta de lugares nos que vivir mentres están a estudar”, salientou Mato.

Xunto ao transporte ao campus, alcalde e empresarios explicaron que nestes intres o Concello de Baiona dispón xa dun parque de vivendas que están desocupadas, a excepción dos meses de verán. “Ademais, unha vez que o proxecto arranque, fará que moitos propietarios de inmobles que a día de hoxe están baleiros opten por sacar o seu ao mercado unha vez que coñezan as bondades de alugar en temporada baixa”, explicou Comesaña.

A este parque de vivendas privadas habería que sumar o aloxamento en hoteis locais a modo de residencia estudantil. Nesta liña, os responsables da asociación de empresarios recalcaron que, tras distintas reunións con propietarios de hoteis que, a priori pola súa localización e tamaño reúnen as características idóneas para aloxar estudantes durante o curso académico, constátase que o apoio ao proxecto é unánime. “Todos os propietarios cos que falamos están dispostos a hospedar universitarios barallando distintas opcións, xa sexa en réxime de só aloxamento ou ben con media ou pensión completa”.

BAIONA POSTÚLASE COMO “CAMPUS RESIDENCIAL” DA UNIVERSIDADE DE VIGO
FOTO: UVIGO // O reitor en funcións, Salustiano Mato, acompañado polo alcalde, Ángel Rodal, e os representantes de Aceba.