1.000 árbores compoñerán en Chandebrito o primeiro bosque “Volando Voy”

Nin a néboa nin o mal tempo foron capaces de impedir a aterraxe de Jesús Calleja no Val Miñor, aínda que tiveron que adaptarse ás circunstancias o que provocou un atraso na súa chegada de preto de algo máis de dúas horas. Preto da unha do mediodía de onte o coñecido presentador do programa televisivo “Volando Voy” fixo a súa primeira aparición na igrexa da parroquia nigranesa de Chandebrito, onde unha multitude de veciños agardábanos con gran expectación. Un equipo de 30 profesionais estará na zona acompañando ao presentador ata o domingo e recollerán testemuños de polo menos cinco veciños que funcionarán como personaxes, co fin de dar máis forza ás vivencias produto do inferno vivido nos incendios forestais do pasado 15 de outubro.

Durante a primeira xornada de rodaxe, o presentador aproveitou para coñecer de primeira man o acontecido durante o fatídico evento e onde dúas mulleres perderon a vida vítima das chamas. Con todo non faltaron os puntos de humor, que foron abundantes. Estarán a rodar na zona durante seis días e desde o equipo adiantaron que realizarán varias actividades, unha por Concello co fin de unir á comarca. Cabe destacar que levarán a cabo en Nigrán a creación do primeiro “bosque Volando Voy”, ademais presentarán a última tecnoloxía en materia de detección de incendios mediante uns drons capaces de alertar automaticamente aos servizos de emerxencias en canto detectan un foco. “O venres dedicarémonos á reforestación por primeira vez no noso programa, plantaremos un total de mil árbores na contorna do campo de fútbol de Chandebrito”, explicaron. Durante ese mesmo día realizarán un simulacro de lume real no monte Galiñeiro, Vincios, e serviranse de drons para demostrar as posibilidades da tecnoloxía en materia de prevención de incendios, todo explicado por expertos. Finalmente a festa de fin de rodaxe se levará a cabo en Baiona, onde se procederá á proxección de entre dez e doce vídeos realizados durante a súa estancia. “Estamos pendentes da meteoroloxía, a nosa intención é celebrala ao aire libre na praza do Concello pero estamos a buscar localizacións alternativas no caso de que a choiva faga a súa aparición”, mantiveron.

Nun principio a súa chegada estaba programada para as 10.30 da mañá, momento no que o helicóptero aterraría na cima da montaña, a escasos metros do castro. Finalmente e polos motivos anteriormente apuntados víronse na obrigación de modificar o planning inicial, non unha senón dúas veces. Así pois e tras o primeiro intento errado trasladaron o punto de chegada ao campo de fútbol de Chandebrito, aínda que os densos bancos de néboa que se apoderaron da parroquia a media mañá tampouco posibilitaron a toma de terra. Finalmente fontes próximas á rodaxe do programa desvelaron que o helicóptero aterrou nunha leira privada moi preto do Talaso Atlántico, en Oia. Desde alí Calleja tivo que ser trasladado nun vehículo ata o punto de benvida. “Mentres as circunstancias non melloren o helicóptero estará resgardado nunha nave industrial en Porto do Molle”, matizaron.

Calleja non repetirá

Desde o equipo do programa aproveitaron para desmentir o rumor de que o presentador repetiría no Val Miñor nas próximas semanas. «O presentador non volverá como tal, o que nos queda por facer é tomar imaxes aéreas pero iso depende do noso equipo técnico. Probablemente nin sequera tomen terra», matizaron.

Rodarán en Val Miñor, pero tamén en Baixo Miño e Condado

A pesar de que as expectación na comarca miñorana é total, desde o programa explicaron que non se cinguirán expresamente a esta zona, tamén tomarán imaxes da contorna do Condado Paradanta e Baixo Miño. Rodarán na Guarda e en concreto na desembocadura do Miño debido á espectacularidade deste accidente xeográfico, pero tamén no municipio de Oia e As Neves, por ser este último o máis afectado polas chamas. Con todo o programa televisivo respectará a súa estrutura orixinal que se vertebra ao redor de tres alicerces. O primeiro é a misión, que neste caso non é outra que concienciar do dano que pode facer o lume e non só na contorna, senón tamén a facilidade coa que pode romper a un pobo enteiro. Doutra banda busca a espectacularidade servíndose de espazos naturais, que aquí será a desembocadura do Miño na Guarda. Finalmente dar a coñecer a historia vivida na comarca a través de persoas e veciños que o sufriron nas súas carnes. “Nós pretendemos achegar o noso granito de area á causa, para iso deixaremos constancia da nosa presenza na comarca coa creación do noso monte Volando Voy composto por un milleiro de árbores”, sentenciou.

Anuncios