Sin categoría

Argentino Alborés, o gurú da carne de boi no Val Miñor

O gurú da carne de boi no Val Miñor ten nome e apelidos. Argentino Alborés Cima é un veciño da parroquia nigranesa de Parada, é o único da comarca na súa especie e leva case dez anos dedicándose á cría deste rumiante na súa propia casa. A experiencia que adquiriu durante os anos que traballou nunha sala de despezamento, levoulle a forxar un proxecto que consistía na apertura dunha carnicería para vender alí carne da súa “colleita”. Finalmente a súa idea interrompeuse cando comezou a traballar nunha empresa de automoción aínda que xa tiña construídas e acondicionadas as cuadras. Actualmente compaxina o seu emprego coa cría de boi para a venda, ademais doutro tipo de animais para autoconsumo.

Na súa pequena granxa de Nigrán ten dous exemplares do vacún de pura raza galega que roldan os 1.400 quilos cada un e cuxa adxudicación xa está pechada. “Se se ten en conta que unha vaca leiteira non chega aos 500 quilos, a diferenza de tamaño é descomunal”, matizou o criador. Por outra banda tamén aclarou que unha vez que a carne estea lista para ir aos establecementos de venda o seu peso final reducirase á metade, e que para ser apta para o consumo necesita un mínimo de 60 días de maceración en cámara de frío.

A principios do mes que vén, e despois de pasar polo matadoiro de Xinzo, cruzarán o Miño para acabar nunha carnicería de Valença propiedade do seu bo amigo Ricardo González Moreira. Tendo en conta o elevado valor de mercado que posúe esta prezada carne, cuxos chuleteiros chegan con facilidade a roldar os 100 euros por quilo e de cada un saen 70 ou 80 pezas, poderíase pensar en grandes beneficios pero Alborés explicou que non sae demasiado rendible, “se non dispós da maquinaria e colleita para alimentalos de maneira natural”, xa que como asegurou «o proceso é lento e os gastos poden chegar a ser elevados». Así mesmo hai que ter en conta que o seu valor de venda é inferior ao de mercado. A súa dieta baséase diariamente en 20 quilos de forraxe verde e seca, auga corrente ademais de 10 quilos de fariña de millo por cabeza. De cando en vez mestúralle cebada natural “para que o animal non se aburra de comer sempre o mesmo”, explicou.

Dispón de todo o necesario, o cereal plántao nas súas leiras e a herba provén tamén dos campos que recolle co seu tractor, para procesar a materia prima dispón dun muíño eléctrico e dunha empacadora onde comprime a palla para a súa almacenaxe, que tamén serve para facer a cama duns animais aos que non lles falta de nada. “Un saco de 40 quilos de millo vale sobre 10 euros e de aí comen dous días, pero se sumas todo os demais e multiplícalo por tres anos, o beneficio reduciríase moitísimo”, mantivo. A pesar de que preferiu non desvelar o seu prezo de venda, a venda de exemplares destas características poden superar os 7.000 euros. “Destes cobrarei parte en diñeiro, en dúas novas crías e algo de carne para min. Prefiro non falar de cifras por discreción”, engadiu. Os exemplares que adquire no país veciño teñen tres anos de idade e roldan os 2.500 euros, pero tardan outros tres en estar listos para saír ao mercado. A todo iso habería que sumarlle as visitas periódicas dos veterinarios, ademais de dous desparasitacións por ano e as inspeccións da Xunta. Este punto é de vital importancia xa que son eles quen lle outorga a autorización necesaria para a súa venda, chamada carta verde.