Anuncios
Ticker de novas

A Asociación Cultural Centáurea acolle a presentación no Val Miñor de O Diario Galego

Este mércores 6 de xuño ás 20:30 horas, no Centro Neural de Gondomar, decorrerá a presentación no Val de Miñor de O Diario Galego, o proxecto xornalístico diario integramente en galego, de carácter colectivo e base popular, que quere facerse realidade no inicio de 2019.

O acto está organizado pola Asociación Cultural Centáurea e será presentado por Alfredo López “Tokio”, debuxante no semanario Sermos Galiza e presidente de Centáurea. Intervirán o presidente da Organización Galega de Montes, Xosé Alfredo Pereira, e a escritora Marta Dacosta, como membros do grupo promotor do xornal, e Xabier Pérez Igrexas en representación do Consello de Administración de Sermos Galiza, editora de O Diario Galego.

O Diario Galego nace porque se constata a necesidade de medios de comunicación que falen na nosa lingua e que teñan como referencia Galiza. Quere ser un medio de comunicación nacional, profesional e colaborativo que proporcionará información xeral, cunha axenda de país na que teñan presenza e importancia cuestións que non figuran en primeira plana na realidade mediática actual: traballo, cultura, ecoloxía, feminismos, lingua, historia, dereitos e liberdades civís…

A de Gondomar é unha das case corenta presentacións que percorrerán o país nestes días de xuño e nas que participan distintas entidades culturais locais e persoas como Ledicia Costas, premio nacional de litertura infantil e xuvenil, o músico Tonhito de Poi ou o humorista Xosé Lois “O Carrabouxo”.

Anuncios