O Restaurante Casa Soleiro leva o premio á mellor empanada

FOTO: OVALMI // Foto de familia dos gañadores.

Desde o mércores 16 ata o 20 de maio tivo lugar a sexta edición da Festa da Empanada, organizada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) en colaboración coa Concellería de Comercio e Turismo do Concello de Gondomar. A cita gastronómica tivo unha grande acollida entre veciños e foráneos que se achegaron ata Gondomar para gozar desta delicia culinaria tan presente en Galicia.

13 establecementos hostaleiros de Gondomar repartiron durante estes 5 días de celebración do evento, centos de racións de multitude de variedades de empanada: carne, xoubas, polo, flan, entre outras. A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) afirma que a participación por parte da hostalería foi moi boa tendo en conta o número de locais adscritos e amósanse satisfeitos cos resultados do evento.

Pola súa banda, a Concellería de Comercio e Turismo do Concello de Gondomar, manifesta que seguirá apostando e colaborando con este tipo de citas que permiten potenciar, ademais do lugar, a gastronomía e hostalería do municipio. Esta 6ª edición da Festa da Empanada foi a consolidación deste evento no calendario de actividades do Val Miñor.

Nesta edición, volveuse a elixir a mellor empanada, sendo os gañadores do primeiro premio o Restaurante Casa Soleiro, do segundo a Tapería A Galiña e do terceiro o Restaurante Pazo da Escola e o Café Bar Estanco.

O premiado da noite con aloxamento e almorzo no Parador de Turismo Conde de Gondomar de Baiona foi Iago Puga Acevedo.