A Ruta Musical “Sons do Casco” de Baiona crece na súa terceira edición

Baiona celebrará o próximo fin de semana a 3ª Ruta Musical “Sons do Casco”. Como novidade, esta edición comezará xa na tarde noite do venres, desde as 20:00 ata as 22:30 horas, continuando na xornada do sábado desde as 12:00 do mediodía ata as 24:00 horas da noite, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba).

Durante as case 15 horas que durará o evento, 15 grupos de diferentes estilos actuarán en 9 escenarios situados en diferentes recunchos da zona vella baionesa, como a Praza do Pai Fernando, a Fonte da Laxe e a Fonte de Zeta, a Praza de Pedro de Castro ou os xardíns da Casa da Navegación, onde se iniciará o evento o venres ás 20:00 horas con Pablo Prego e Broken Peach.

Xa o sábado, Bloquinho Aperta iniciará a xornada ás 12:00 horas cun pasarrúas. Despois actuarán Diana Tarín Cuartet, Pacheco Bros, Dieguitos y Mafaldas, Supersonic, Blue Monk, Dj Vakeiro, Swing Du Monde, San Roquers, Awen, Libertango Trío, A Polécica Banda dos Bechuchos e Black Stereo. Bloquinho Aperta pechará o evento cun novo pasarrúas desde as 23:00 ata as 00:00 horas.

As dúas anteriores edicións de “Sons do Casco” resultaron todo un éxito, enchendo o casco antigo de Baiona de música e público. A iniciativa xa viña celebrándose desde hai anos en Sabarís, ao longo da Avda. Julián Valverde, organizada por Coemsa.

SONS DO CASCO