As asociacións participantes na elaboración das alfombras florais de Gondomar atópanse xa na recta final antes da gran noite tras tres semanas de intensos traballos, e é que en pouco máis de 24 horas as rúas da vila condal tinguiranse de colorido para recibir á procesión do Corpus Christi. Este ano notaron un repunte na man de obra nova, aseguran que é unha maneira de manter viva unha tradición que vai pasando de xeración en xeración durante décadas.
Os membros das agrupacións aglutínanse na carpa instalada na alameda polo Concello para o esfolle da mimosa, mirto e fiúncho, que dan ás composicións as diferentes tonalidades de verde durante xornadas que superan as seis horas diarias. Xa durante hoxe e mañá será a quenda das flores, máis fráxiles. Ademais, segundo explicaron, o que conseguen deixándoas para o final é que manteñan a máxima frescura e viveza nas súas cores. Irene Pereira, da Asociación de Mulleres Rurais de Gondomar e ao mesmo tempo una das coordinadoras da iniciativa, explicou que é nestes días cando reciben máis axuda dos veciños chegando a reunirse máis de 50 persoas por xornada. “Parece que o verde non gusta tanto como as cores vivas”, matizou. Aínda así fixo un chamamento á colaboración xa que “toda axuda é ben recibida”. Pereira afirmou que nesta edición notaron un baixón en canto ao número de participantes respecto doutras edicións. Por outra banda a escaseza de flores debido á climatoloxía obrigoulles a tirar de enxeño e buscar sucedáneos. A maioría deles procedentes de cortiza de piñeiro triturada, palla e serrín tinguidos de vermello, laranxa, amarelo ou azul.
Como en anos anteriores contan coa colaboración directa do Concello que lles dá unha subvención de 3.000 euros para adquirir 25.000 talos de flores vermellas, amarelas e brancas, mentres que o resto recibiron 800 euros por alfombra. A noite de hoxe venres o alcalde Francisco Ferreira e a concelleira de Cultura, Nuria Lameiro, achegaranlles roscas á carpa da Alameda mentres que na do sábado a tradición manda chocolatada acompañada do mesmo doce, que tamén corre por conta municipal. Actualmente todos os participantes teñen os ollos postos no ceo xa que a predición meteorolóxica para a última noite é bastante inestable, aínda que segundo adiantou Lameiro teñen previsto traballar nos tapices “a condición de que as inclemencias non sexan severas”.
En total serán cinco as agrupacións encargadas de forrar as rúas da vila, catro delas ao longo das rúas Eduardo Iglesias e Ángel Urzáiz. A Asociación Galiñeiro de Vincios estenderá o seu tapiz á altura da confeitería Xuntos, a de Gaitas de Couso farao no cruzamento con Elduayen, a de Veciños de Mañufe diante da sucursal de Abanca e o Club de Patinaxe Artística Gondomar diante do Concello. Pola súa banda a Asociación de Mulleres Rurais San Bieito de Gondomar fará a máis extensa das cinco, partindo desde o obradoiro de rosquillas Cristaleiro en rúa Párroco Carlos Fernández ata as portas do templo dedicado a San Bieito.
Dispositivos e horarios
A concelleira de Cultura Nuria Lameiro explicou que activarán un dispositivo policial nocturno para a noite do sábado, ademais dun retén dotado de tres operarios municipais a tarde e noite do mesmo día e a mañá do domingo. Ás 16 horas procederase ao corte do tráfico rodado e ás 20 comezarán co plantillado. A partir de aquí comeza a recta final ata a procesión do Santísimo Sacramento das 13.30, momento en que as alfombras son pisadas. Ás 12.30 celebrarase a misa solemne do Corpus. Ás 14 horas comezarán coa limpeza de rúas e ás 16 restablecerán o tráfico.

