O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, recibiu esta mañá a unha corentena de peregrinos irlandeses, de Dublín, que elixiron a Vila como punto de partida do seu camiño de peregrinación cara a Santiago de Compostela. Os camiñantes chegaron a Vigo desde a súa terra natal e un autobús levounos ata Baiona para comezar a súa andaina.
Os peregrinos decantáronse en comezar no municipio miñorán o seu percorrido atraídos pola súa gran beleza paisaxística. Así, antes de comezar coa súa peregrinación aproveitaron para coñecer a vila e os seus recursos e tamén para consumir no comercio local. Rodal recibiunos no Paseo Ribeira, onde lles deu a benvida e desexoulles un bo camiño.
Desde Baiona pódese conseguir a Compostela pois 123 quilómetros separan a Real Vila de Santiago. Os devotos camiñantes percorrerán en seis etapas o Camiño Portugués da Costa, Baiona-Vigo, Vigo-Redondela, Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Caldas de Reis, Caldas de Reis-Padrón, Padrón-Santiago de Compostela.
“A visita dos peregrinos estranxeiros vén confirmar que o Camiño Portugués da Costa segue afianzándose como ruta xacobea máis aló das nosas fronteiras pois a vila vén recibindo con asiduidade grupos de estranxeiros que cada vez máis conforme van pasado os anos escollen esta senda e Baiona como punto de partida como opción principal para realizar a peregrinación a Santiago. Mesmo existen axencias especializadas no Camiño de Santiago que ofrecen como destino de partida a Real Vila”, destacou Rodal.

