Baiona homenaxea aos seus maiores

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Festa dos Maiores.

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Benestar, celebrou este xoves a Festa das Persoas Maiores, na que participaron ao redor de 700 persoas. O programa iniciouse ás 12:30 coa celebración dunha eucaristía na Ex Colexiata de Baiona. Ao finalizar o acto relixioso, os participantes gozaron dunha comida de irmandade, e a continuación, como en edicións anteriores, dun animado baile que se prolongará ata as 18:30 horas. Como en anos anteriores dispuxéronse varios autobuses para o traslado dos asistentes desde as distintas parroquias de orixe.

“A nosa intención é render homenaxe a quen deu o mellor de si mesmos para impulsar o crecemento de Baiona, agora tócalles a eles recibir e a nosa obrigación é mostrarlles a nosa gratitude dalgunha maneira”, destacou o Alcalde, Ángel Rodal.

A mesa principal estivo presidida polo Alcalde e a concelleira de Servizos Sociais, Mª Carmen Paredes, e polo Conselleiro de Sanidade e Ex Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, o Delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Cháves, así como doutros membros do equipo de goberno e da corporación municipal.

O encontro supón unha boa oportunidade para reencontrarse entre eles ou coñecerse “en definitiva, estreitar lazos de amizade entre os veciños de distintas parroquias”, destaca a concelleira. Por outra banda, engade que, “supón unha excelente oportunidade para esquecer os problemas do día a día, divertirse e vivir unha xornada diferente”.

Os participantes recibiron un pequeno obsequio que consistiu nun chaveiro de madeira co escudo do Concello de Baiona realizado, do mesmo xeito que en anos anteriores, polo alumnado do Centro Juan María. Os escolares tamén se encargaron do deseño e construción dun divertido photocall colocado na zona de baile para que os maiores puidesen fotografarse e ter un bonito recordo desta xornada distendida de confraternización.