Abertas as inscricións para a VI Marcha Cicloturista de Oia

FOTO: CICLISMO OIENSE // Marcha Cicloturista de Oia.

Ciclismo Oiense abre as inscricións para a 6º edición da “Marcha Cicloturista de Oia”, que se celebrará o domingo 22 de xullo coa colaboración do Concello de Oia, Deputación de Pontevedra e Federación Galega de Ciclismo. Este ano o ciclista Marcos Serrano, vencedor dunha etapa do Tour de Francia, da Milán – Turín, e da Volta a Galicia, entre outros logros, apadriña a marcha que sairá ás 9:00 horas desde o Mosteiro de Oia.

Nesta edición haberá 2 tramos, un curto de 70 km que pasará por Baiona, Ramallosa e Doas, onde comezará o primeiro tramo libre inédito pola “Costa do Chosco” (con ramplas do 15%) cara a San Cibrán, Vilachán do Monte e baixada ata o avituallamento de Loureza. Unha vez avituallados e reagrupados continuarase polo Rosal e A Guarda para que finalicen en Oia os participantes aos que lles chegue con esta distancia. Os demais afrontarán os seguintes 30 km restantes co segundo tramo libre da xornada polo alto da Valga, Torroña, Cruz de Pau e baixada ata o avituallamento do Picadero O Rancho. Despois de avituallados renovarase a marcha cara a Mougás para finalizar no campo de fútbol de Oia sobre as 13:30 horas, completando así o 100 km. de percorrido.

Un ano máis a idea é promocionar turisticamente a zona e a práctica do ciclismo, por iso organízase a marcha sen ánimo de lucro, cun baixo prezo de inscrición de 10 € para os ciclistas federados e de 20 € para os non federados que inclúe a licenza de 1 día, asistencia médica e mecánica, avituallamentos de sólidos e líquidos e 1 rifa para o sorteo de agasallos entre outras prestacións.

Previamente, o sábado celebrarase a Festa da Bicicleta, onde poden participar persoas de todas as idades coa inscrición gratis. Ao finalizar sortearanse diversos agasallos entre todos os participantes.

O domingo os acompañantes dos ciclistas poderán gozar dunha camiñada turística de 10 km. polos barrios da costa de Oia e Pedornes. Ás 14:30 horas terá lugar a comida de fin de marcha no Hotel Glasgow, onde se fará a entrega dos recordos.

Debido a que as prazas son limitadas é necesario realizar a inscrición antes do 20 de xullo en www.magmasports.es. Máis información en www.ciclismooiense.com ou no Teléfono-WhatsApp 666 609 410.