Anuncios
Ticker de novas

A provincia de Pontevedra preséntase en Córdoba con cheo absoluto

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentou esta mañá o destino “Pontevedra provincia” da man do presidente da Deputación de Córdoba, Antonio Ruiz, no Hotel Eurostars Palace da cidade andaluza. Ante unha grande afluencia de público integrado por medios de comunicación, axentes de viaxe, turoperadores, integrantes da Asociación de Amigos dos Camiños Mozárabes e da Casa de Galicia en Córdoba, a deputada de Turismo da Deputación cordobesa e membros do concello andaluz, Carmela Silva puxo en valor os principais recursos turísticos das Rías Baixas, destacando a singularidade da provincia e os puntos en común con Córdoba.

Carmela Silva amosou en primeiro lugar o seu agradecemento “pola excelente acollida, recibimento e resposta á acción de promoción do destino Rías Baixas en Córdoba xa que para nós esta cidade é estratéxica, desde aquí van moitas persoas a visitar a nosa provincia e por iso tiñamos a obriga de vir e contarlles o que lles podemos ofrecer, que é moito, porque somos o paraíso”.

A presidenta da Deputación explicou o eixo central da campaña elixida pola institución provincial para este 2018, “Somos historias”. “Este ano conmemoramos o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e quixemos aproveitar esta celebración para ofertar todo o patrimonio que temos, desde castelos, fortalezas e murallas, ata xacementos arqueolóxicos, museos, mosteiros, paisaxes, patrimonio literario, a nosa cultura e as nosas festas, 4 delas declaradas de interese turístico internacional. E todo elo da man de María Vinyals” asegurou Carmela Silva. Máis polo miúdo, Silva enxalzou o papel clave e histórico de María Vinyals, nada no Castelo de Soutomaior pero cunha importante relación con Córdoba, onde pasaba longas temporadas en Huerta de los Arcos e no Palacete do Marqués de la Vega.

Tamén falou Silva do Castelo de Soutomaior e dos seus xardíns, o primeiro de España en ser galardoado coa “Excelencia Internacional” pola súa ampla variedade de camelias, con máis de 200, e viñedos de uva albariño. Neste contexto, a presidenta da Deputación destacou o enoturismo, “con viñedos únicos que están a pe do mar e cuxa denominación de orixe constitúe a segunda ruta máis importante de España, que o ano pasado foi visitada por ata 115.000 persoas”.

A gastronomía e os camiños cara Compostela tiveron tamén protagonismo na presentación do destino Rías Baixas. Neste eido, a presidenta provincial destacou as cinco “Estrelas Michelin” da provincia e as cinco rutas cara Compostela, entre as que enxalzou a Vía da Prata, percorrida o pasado ano por 10.000 persoas, por ter en Córdoba un dos seus eixos centrais.

Outro dos aspectos que centraron o discurso promocional de Carmela Silva en Córdoba foi o patrimonio espiritual e relixioso, destacando mosteiros como o de Carboeiro, o de Poio ou o de Santa María de Oia, ata a Catedral de Tui e cemiterios como o de Santa Mariña de Dozo, cualificado como cemiterio singular en Europa.

A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que “temos unha rica historia pero tamén vivimos unha explosión cultural, somos modernidade, e por iso entre xuño e agosto temos os #RíasBaixasFests, 7 festivais que traen música, gastronomía, ocio, deporte, cultura urbana, moi orientados ao público familiar e en contornas como Illas (San Simón e a Illa de Arousa), carballeiras (Caldas de Reis), en praias (Nigrán) ou a carón do mar (Vilagarcía de Arousa, Vigo e Bueu)”.

“Somos un lugar no mundo, unha paisaxe que nunca se esquece, historias e experiencias e eu quero convidalos e convidalas a que nos visiten e desfruten con nós”, finalizou Carmela Silva mentres daba paso ao vídeo promocional, protagonizado polo dúo musical “Cómplices”, co que rematou a primeira das accións realizadas pola Deputación durante esta xornada en Córdoba.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Córdoba, Antonio Ruiz, asegurou que “entráronme unhas ganas tolas de visitar Rías Baixas despois de escoitar a Carmela Silva falar sobre a riqueza e diversidade da provincia” e puxo en valor “as moitas cousas que unen Córdoba e Pontevedra”. Neste contexto, Ruiz destacou tamén a figura de María Vinyals, os camiños mozárabes e as rutas cara Compostela así como a xudería, poñendo como exemplo a Tui.

Pola tarde, ás 20.30 horas, terá lugar a segunda acción promocional do destino Rías Baixas en Córdoba. Neste caso, a provincia de Pontevedra terá un especial protagonismo na Gala Solidaria a favor da Fundación Bangassou, que terá lugar no Hotel Eurostars Palace e na que se degustarán produtos das Rías Baixas como polbo, vieiras, lenguado, postre a base de Albariño e viños da DO Rías Baixas etiquetados co lema da campaña promocional da Deptuación “Somos historias”.

Anuncios