O fútbol gaélico aterra con forza en Gondomar

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Francisco Ferreira e Nuria Lameiro xunto aos xogadores do Turonia, tras a entrega de material.

Unha modalidade futbolística pouco usual acaba de instalarse en Gondomar fai escasamente tres meses. O Turonia Gondomar Fútbol Gaélico aterrou na vila condal para quedar cun esquema de xogo que fusiona o fútbol tradicional co rugby. Trátase dunha práctica natural de Irlanda e que cada vez está a captar máis adeptos. Na actualidade aínda non están federados pero o seu presidente Gonzalo Rodríguez Amorín teno claro e non dubida en afirmar que para a tempada que vén estarán a participar activamente nos terreos de xogo. Amorín, natural de Gondomar e bombeiro de profesión, leva moitos anos practicando a modalidade comezando no equipo vigués Keltoi pero co paso do tempo sentiu a necesidade de exportar o produto deportivo á condal. «Empezamos fai tres meses e a acollida é brutal, xa contamos cun equipo feminino», mantivo.

Trátase dunha práctica moi atractiva e que está a contar con moitas axudas, na actualidade adestran no campo das Cercas e o Concello fíxolles unha cesión de material moi valiosa para os xogadores. «A verdade que é moi complicado conseguir os balóns xa que hai que pedilos a Irlanda», explicou o presidente. Aínda que aparentemente son parecidos aos utilizados en fútbol, estes varían en tamaño e peso. De aí a súa complexidade para adquirilos. A pesar de que se está forxando unha afección que suma 25 xogadores en cada sesión de adestro, Amorín fai un chamamento á constancia xa que é unha condición indispensable para lanzarse ao mundo da competición. Para ir abrindo boca o «Turonia» debutará nun primeiro torneo que terá lugar en Gondomar o próximo 7 de xullo cun triangular entre o vigués Keltoi e o ourensán Auriense que non deixará indiferentes aos asistentes.