Galarreta proclamouse campión de Cantabria Elite de Contrarreloxo Individual

Segundo título autonómico para o Club Ciclista Rías Baixas en menos dunha semana. Tras a coroa Sub23 de fondo na estrada lograda por Adrián Escobar en Castela-A Mancha, David Galarreta impúxose na categoría Elite do Campionato de Cantabria de Contrarreloxo Individual. O corredor da estrutura impulsada por José Luis Chamorro non deu ningunha opción aos seus rivais en Los Corrales de Buelna.

O dos Ramales de la Victoria era o gran favorito e cumpriu cos prognósticos. Sobre unha distancia de 26 quilómetros, o representante da formación miñorán exhibiu as súas calidades de especialista nesta disciplina rodando por encima dos 47 quilómetros por hora. Detivo o reloxo en 33 minutos e 11 segundos, distanciándose en 42″ da tamén elite Adrián García (Comillas) e en 1:09 do vencedor sub23 Pablo Alonso (Mysenlan).

Este triunfo é o primeiro que Galarreta obtén coas cores do Club Ciclista Rías Baixas. A pesar de que a vitoria se lle resistira, o cántabro demostrou a súa calidade desde o inicio da tempada con resultados como o duodécimo posto na xeral final da Copa de España e os seus éxitos na clasificación da Montaña do Memorial Sanroma e do Trofeo Concello de Zamora.