Actividades nas prazas de abastos de Baiona para poñer en valor a súa “calidade” e “profesionalidade”

A Concellería de Comercio de Baiona pon en marcha toda unha serie de actividades para dar visualización e poñer en valor a “calidade” e a “profesionalidade” das prazas baionesas. A primeira delas é sumarse á campaña internacional “Quere ao teu mercado”, que se celebra en 16 países de Europa, América e Asia, a través da cal se levarán a cabo diferentes actividades de dinamización.

O vindeiro venres, día 1 de xuño, a praza de abastos de Sabarís acollerá, de 11:00 a 13:00 horas, unha conferencia impartida por Vanesa, da empresa “Vegetal sin más”, que dará a coñecer os beneficios da cociña saudable, honesta, respectuosa co medio ambiente e 100% vexetal. Unha cociña de sabores auténticos, con produtos frescos, de proximidade e de tempada. Ademais, poñerán en práctica estes coñecementos e haberá unha degustación de patés totalmente vexetais. O sábado día 2 a actividade desenvolverase na praza de abastos de Baiona.

Aqueles que se pasen polas prazas baionesas atoparanllas cheas de colorido pois están adornadas con globos e bandeiras. Ademais, os clientes que consuman nos diferentes postos recibirán un pequeno obsequio por apoiar o comercio local.

Ademais, das distintas propostas que levan a cabo estes días para visualizar e promocionar as prazas como pezas crave do comercio de proximidade, ao longo do ano os mercados de Sabarís e Baiona reciben a visita de escolares tanto do municipio como vindos doutros lugares para coñecer de primeira man e poñer en valor as características do comercio polo miúdo de Baiona e a actividade diaria dunha praza de abastos. Todo iso forma parte doutra campaña que ten por título “O sabor da aventura está no mar”. A praza de Sabarís recibirá este xoves a un novo grupo de estudantes.

Doutra banda, os comerciantes da de Baiona organizan unha visita dos escolares do CPI de Cova Terreña para debuxar na praza a súa visión do mercado, as prazas e o comercio de proximidade que nelas ofrécese. Unha vez realizados os debuxos expoñeranse na praza para todos aqueles que queiran contemplar a arte dos máis pequenos.

Anuncios