Usuarios de COGAMI practicarán surf por primeira vez en Patos

Trece persoas usuarias do centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Mos e 20 persoas usuarias da asociación Vontade de Baixo Miño van estar dende hoxe ata o mércores hospedadas na residencia de tempo libre de Panxón para compartir uns días con actividades de lecer.

Por primeira vez, asistirán a unhas clases teóricas e prácticas de surf na praia de Patos que lles vai impartir a escola Prado Surf hoxe luns 28 de maio, de 17 a 19 horas, e o martes 29 de maio, de 11 a 13 horas. A práctica deste deporte supón unha novidade tanto para COGAMI como tamén para a escola Prado Surf, pois ata o de agora a escola contou con grupos de persoas con discapacidade intelectual, pero nunca cun grupo con discapacidade física. Por iso, a escola quere aproveitar este primeiro contacto con COGAMI para especializarse e adaptar as táboas ás necesidades de participantes.

Ademais do surf, o grupo realizará outras actividades como recorrer o paseo de Monte do Boi de Baiona, asistirán a unha actuación musical ou, para despedir os tres días de campamento, farán unha festa hawaiana onde se encargarán de decorar tanto o local como a vestimenta que levarán para ese día.